Na segunda edición de Storia del separatismo siciliano, Giusepppe Carlo Marino explica como nos anos oitenta viran as tornas. O esquecido nacionalismo siciliano de Finochiaro Aprile, un líder culto, deixa paso ao secesionismo da Lega Nord. A arte económica permite demostrar igualmente que os males dos lombardos, piemonteses e venecianos son o parasitismo do Sur e o decadente estado italiano, que rouba no Norte e regálalles a sopa boba aos meridionais. A discurso económico ponse do lado dos ricos. O ultra Umberto Bossi, caudillo e contable, de formación petisca, e o ideólogo Gianfranco Miglio, son elementalistas pragmáticos e indiferentes á súa propia cultura. Interésalles o diñeiro e que para iso funcione o concepto de espolio fiscal como grande eixo teórico. Non queren unha idea elaborada de comunidade; brutáns, mesmo se amosan indiferentes cos límites xeográficos do territorio que reivindican.
Hai uns anos ERC importou a idea de espolio fiscal inventada pola Lega, que CiU asumiu. O Estado español leva máis do que trae a Cataluña e as comunidades pobres benefícianse do desequilibrio. O tren a Galicia é un bo exemplo; estes días CiU propuxo no Congreso que se paralice porque non é rendíbel. Fano con civilidade, é certo, pero o concepto de espolio prendeu. E funciona moi ben. Por que?
En Catalunya, poble decadent (1935), Josep A. Vandellós preocupábase polo débil crecemento vexetativo do Principado e a inmigración non o consolaba, porque era un exército español pacífico que ía aniquilar o patrimonio espiritual catalán. Ao cabo de decenios a exemplar integración conseguiu avances, pero a indiferenza ante os ideais catalanistas por parte dos chegados seguía a ser enorme. Facer permeábeis ao independentismo aos inmigrantes foi imposíbel até a incorporación do concepto de espolio. O catalán nacido fóra de Cataluña, feito a si mesmo na terra de promisión, sente agora que tributa o que non recibe.
A día de hoxe este é o grande espazo da unidade nacional catalá, xunto co poderosísimo substrato cultural e lingüístico. Con el aspiran a romper a costura que actualmente divide a Europa rica do Norte e a pobre do Sur, e que pasa polos Perineos. Inténtase trasladar esa costura ao Sur de Tarragona e que Cataluña fique incluída na Europa forte, sen o lastro da España túzara e mediocre. Disto é do que se trata, e a isto se refire Carod Rovira cando afirma que o agravio económico é a nova inflexión que une a todos.
O dereito a decidir é indiscutíbel. Mais o apoio práctico a ese dereito desde o nacionalismo galego, con proclamas, visitas institucionais e a mar de bandeiras e entusiasmos, carece de análise. Vai contra os propios intereses, que sería conveniente cuantificar. As alianzas do nacionalismo galego están atrasadas e baséanse só en emocións.