Unanimidade na Cámara galega para devolverlle os cartos aos pensionistas que pagaron de máis nos últimos 4 anos

"Estas devolucións deben ser obxecto dunha solución de oficio por parte de Facenda", reclama o deputado do BNG, Ramón Fernández.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/04/2023 | Actualizada ás 18:51

Comparte esta noticia

A Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia aprobou coa unanimidade da Cámara unha proposición non de lei para solicitar ao Goberno central que recoñeza que as persoas que cotizaron desde 1967 teñen dereito a que se lles devolva o que pagaron de máis a Facenda pola súa pensión nos últimos catro anos.

Esta iniciativa, presentada polo BNG, foi defendida polo deputado Ramón Fernández, quen explicou que aquelas cotizacións realizadas antes de 1967 non reducían a base do imposto sobre a renda, tal como se fai hoxe en día coas cotizacións á Seguridade Social, polo que xa foron obxecto de tributación no seu día.

"Todas esas persoas son perceptores hoxe dunha pensión contributiva que está sometida ao gravame do IRPF, é dicir, reciben unha pensión de xubilación da Seguridade Social pola que teñen que pagar a Facenda", indicou Fernández, subliñando que "probablemente a Seguridade Social está a descontarlles da súa pensión máis do que lles corresponde".

A solución achegada pola Axencia Tributaria, segundo engadiu o nacionalista, consiste en dividir a pensión actual que perciben estas persoas en dous partes, "a que foi xerada coas cotizacións realizadas con anterioridade ao ano 1967 (cotizacións que xa tributaron no seu momento e por tanto actualmente deben estar exentas) e a parte da pensión que foi xerada con cotizacións posteriores a 1967, que si deben tributar como fan agora".

Pensionistas
Pensionistas | Fonte: Ministerio de Emprego

Pola súa parte o deputado insta a Axencia Tributaria a que se faga cargo da solución desta problemática, "estas devolucións deben ser obxecto dunha solución de oficio por parte de Facenda"

CONCENTRACIÓN PENSIONISTAS

Xubilados e pensionistas da CIG volvéronse a concentrar xoves 13 de abril para reclamar a revalorización das pensións conforme ao IPC acumulado ao final de ano así como a derrogación das sucesivas reformas do sistema público de pensións porque "non amplían dereitos", pero "si amplían recortes", denuncia a central nacionalista.

Ademais, mostraron o seu rexeitamento á reforma que se acaba de aprobar, entre outras cuestións, porque denuncian que suporá unha rebaixa das contías das pensións e que ten por obxectivo favorecer os sistemas privados.

Por último, o sindicato nacionalista informou de que o colectivo de xubilados e pensionistas aproveitou para instalar mesas de recollida de firmas pola campaña que desenvolve desde finais de febreiro para demandar atención presencial. As firmas serán entregadas o próximo 10 de maio á Valedora do Pobo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta