Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/04/2023 | Actualizada ás 14:45
O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego sinalou que o arquivo da denuncia presentada nun xulgado ferrolán pola morte de Moncho Reboiras en setembro de 1975 a tiros da policía franquista revela as carencias da lei de Memoria Democrática e a necesidade de derrogar a lei de Amnistía de 1977.
"O tempo deunos a razón", aseverou Rego, segundo recolle un comunicado emitido este venres, días despois de coñecerse a decisión do xulgado de instrución número 1 de Ferrol que ordenou o sobresemento da querela rexistrada polos familiares de Reboiras co apoio de Cequa, que pedía procesar a unha vintena de membros das forzas da orde do réxime franquista por crime de lesa humanidade en concurso con asasinato.
Segundo Rego, o Bloque advertiu durante o debate da lei de Memoria Democrática que a disposición engadida sobre o dereito internacional "non era suficiente" para unha "actuación inequívoca" por parte da xustiza para investigar os crimes do franquismo.
Deste xeito, considera preciso que se proceda á derrogación dos apartados 'e' e 'f' da lei de Amnistía, algo que, como remarca, xa foi defendido no Congreso e que Rego se compromete a volver reclamar a través da presentación dunha proposición de lei na Cámara baixa.
En todo caso, o deputado nacionalista criticou a argumentación da maxistrada titular do xulgado de instrución ferrolán, á que afea que, a pesar de ser "fraca" a lei de Memoria Democrática, nela si cabe unha interpretación dos crimes do franquismo en base ao dereito internacional sobre os delitos de lesa humanidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.