José Ramón Besteiro non pecha a porta a presentarse como o candidato socialista á Xunta

"Cando se abra o proceso, falaremos", di.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 16/04/2023 | Actualizada ás 19:37

Comparte esta noticia

O novo delegado do Goberno, José Ramón Besteiro, non refugou a posibilidade de liderar unha candidatura socialista á presidencia da Xunta de Galicia. "Cando se abra o proceso, falaremos", comentou.

"Non é unha cuestión de querer ou non. O proceso abrirao o secretario xeral e, como ex secretario, entendo os tempos e os procesos. Ademais, tradicionalmente o secretario xeral forma parte desa candidatura, pero pódese presentar calquera, que debe ser referendado polos militantes. Cando se abra o proceso, falaremos, pero agora estou centrado na Delegación do Goberno", comentou Besteiro nunha entrevista concedida a Cadena Ser Galicia e recollida por Europa Press.

Neste sentido, ante a posibilidade de que sexa o propio Valentín González Formoso ou Pedro Sánchez quen lle pidan que dea un paso adiante, insistiu en que "non é unha cuestión de dedocracia". "Son os militantes os que deciden", incidiu.

Besteiro tamén abordou a súa retirada da política tras as imputacións xudiciais de 2016. "Non quero perder un minuto en lembrar o que pasou durante eses anos. Teño unha actitude positiva, estou ilusionado, mirando cara adiante, cara a este novo encargo e para facelo ben en favor de Galicia", comentou.

O representante da Administración central en Galicia ve agora ao PSdeG "centrado no proceso municipal, en disposición de revalidar e aumentar ese resultado fantástico que se obtivo fai catro anos".

VOLTA Á POLÍTICA E RELACIÓN COA XUNTA

Aínda que recoñeceu que "o tempo deixa as súas marcas", asegurou que a percepción de inocencia persoal "axuda a convivir todos estes anos". "Gañas experiencia, perspectiva, é enriquecedor ao final. Quedo co positivo. Non perdín un chisco de ilusión", sinalou, insistindo ademais en que chega para "facer política desde as institucións, buscar acordos".

Respecto de Elena Candia, que foi a que entregou os anónimos cos que se iniciou a investigación xudicial, o delegado do Goberno limitouse a dicir que "aí están os feitos, que non dan unha visión positiva, senón negativa". "En política, xogar con estas cousas ten moitísimo risco porque detrás desa percepción (de entregar os anónimos), vén a idea de quen os fixo. E creo que ademais hoxe, en democracia, tes moitos mecanismos para buscar información, preguntar, se tes algunha dúbida. E se non se che aclara, tes a vía xudicial", indicou.

O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro
O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro | Fonte: M. DYLAN - Europa Press

RELACIÓNS COA XUNTA

Doutra banda, espera que a relación coa Xunta de Galicia sexa "boa", pero avisa de que "a Delegación vai facer política a pé de rúa". "É un momento importantísimo para Galicia, para aproveitar as sinerxías entre administracións, ese fluxo de achegas económicas do Goberno sen parangón", destacou. Advertiu ademais de que utilizará o "sistema de rendición de contas", o "máis maduro e máis democrático que pode haber".

Noutra orde de cousas, José Ramón Besteiro tamén se referiu a a chegada dos trens AVRIL, cuxo atraso achaca ao proceso de homologación. "Aquí en Galicia sabemos o que é falar de seguridade. Ata que ese proceso técnico non acabe, teremos que esperar. Pero quero transmitir que as decisións políticas que había que tomar, están tomadas", explicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Non quere perder un minuto en expliarnos por que a día de hoxe aínda sigue en pé o Edificio do Garañón ? Non quere explicar por que o Banco Santander opúxose á demolición do esqueleto do Garañón ? Será que os pelotazos en períodos electorais pasan máis desapercibidos ? Terá morro o Señor do Garañón ???