Estudantes maniféstanse contra o "alarmante avance da privatización": "É un dereito que temos que defender"

Piden a supresión das "elevadas" taxas universitarias, a oferta de libros de texto "gratuíta" e bolsas de estudo "suficientes"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2023 | Actualizada ás 17:40

Comparte esta noticia

Estudantes de distintos niveis de ensino secundaron nesta xornada unha folga en Galicia convocados polo colectivo 'Erguer' ante o "alarmante avance da privatización". Tamén celebraron mobilizacións nas grandes cidades galegas --excepto Ferrol-- e en Padrón.

O motivo da convocatoria foi reclamar cambios no sistema educativo galego e estatal por un ensino "accesible para todas". Fixérono coreando lemas como "non, non, non á privatización", "fose relixión da nosa educación", "PP, escoita, o estudiantado está en loita" ou "a LOSU --Lei Orgánica do Sistema Universitario-- é a nosa ruína".

"A educación non é unha mercadoría nin un negocio, é un dereito que temos que defender", manifestou o responsable de zona de 'Erguer' na Coruña, Bruno Fariñas Pazos, na concentración celebrada na zona Obelisco da cidade herculina.

COMPETENCIA "DESLEAL"

Respecto da LOSU, Fariñas denunciou que foi aprobada polo actual Goberno para "entregar as universidades ás grandes empresas e bancos". "Con esta nova lei a universidade privada competirá de forma desleal coa pública", sentenciou.

En canto á aparición da universidade privada en Galicia, asegurou que "oferta graos que xa existen no ensino público, o cal é ilegal, exclúe o galego e o profesorado non cumpre os requisitos de formación esixidos por lei".

DEMANDAS

Por todo isto, o colectivo reclamou un ensino "accesible para todas", coa supresión das "elevadas" taxas universitarias e tarifas de probas de avaliación, a oferta de libros de texto "gratuíta", bolsas de estudos "suficientes" e "recursos" para o alumnado con necesidades especiais.

En canto ao seguimento da folga, os organizadores indicaron que os datos provisionais mostran que "nalgunhas universidades acudiu un número moi reducido de alumnado, un 15 ou un 10 por cento".

Mobilización de estudantes na folga convocada por Erguer. ERGUER
Mobilización de estudantes na folga convocada por Erguer. ERGUER | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta