Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2023 | Actualizada ás 17:38
O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, confirmou este mércores que a Xunta autorizou 75 parques eólicos, o 63 por cento dos que completaron a tramitación.
Así, en resposta a unha interpelación formulada pola deputada do BNG Noa Presas sobre a participación pública da Administración autonómica no ámbito eólico; Conde aproveitou para avanzar estes datos tras o peche do prazo en días pasados e concretou que se corresponden con 1.958 megawatts.
Desta maneira, convértese na primeira comunidade autónoma que o logra para os proxectos vinculados ao fito do 25 de xaneiro, de tramitación da DIA --declaración de impacto ambiental--.
Ademais, tras avaliar en detalle os proxectos que obtiveron a DIA, denegouse a autorización dun parque e obrigouse en 24 casos a que os promotores reducisen a potencia con respecto ao proxecto inicial para axustarse aos requirimentos técnicos, ambientais e patrimoniais necesarios.
Tendo en conta que 43 parques obtiveron DIA negativa en xaneiro, dos 119 parques para os que se completou a tramitación, seguen adiante o 63 por cento. Ademais, segundo explicou Conde, a Administración autonómica está a esixir unha avaliación ambiental ordinaria, a "máis rigorosa" para conseguir unha DIA, con participación pública e que ten en conta o estudo de sinerxías para avaliar os parques máis próximos e as infraestruturas de evacuación.
DEBATE
Durante o debate, o vicepresidente segundo botou en cara ao BNG que "fale do pasado, critique o presente e non expoña ningún tipo de proposta" para o futuro, á vez que lles acusou "querer de implantar un retroceso", "negando" industria renovable e enerxía competitiva e verde.
Ademais, Conde acusoulles de estar detrás da "pancarta" e instou ao BNG a preguntarse cal é a súa proposta para "alcanzar o cero emisións netas en 2050". Deste xeito, reprobou que o BNG di "non" a "todo o que significa progreso".
A deputada nacionalista advertiu de que "non se está reinvestindo" os beneficios das empresas eólicas en Galicia e por iso é polo que a proposta do BNG sexa unha empresa de participación pública, unha sociedade mercantil, encabezada pola Xunta e aberta a entidades locais.
Fronte ás palabras de Conde, a deputada do Bloque lembroulle que é preciso falar do pasado porque del deriva o presente e pediulle que explique se "recoñece que foi un erro vetar a participación pública no sector eólico".
Este debate prodúcese tres días despois de que un dous mil persoas rodeasen a sede da Xunta en Santiago de Compostela para reclamar a paralización da aprobación dos 77 proxectos eólicos que xa recibiran a declaración de impacto ambiental positiva. O prazo límite para conseguir a autorización previa administrativa do Goberno galego era este pasado martes. Finalmente, segundo os datos de Conde, 75 parques conseguírono.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.