Filgueira Valverde

Teño diante de min unha nova de xaneiro de 1980, aínda no período da transición, escrita por Perfecto Conde Muruais para El País. A Universidade de Santiago de Compostela nomeara doutores honoris causa a Joseph M. Piel, Álvaro Cunqueiro e Camilo José Cela.

Por Xosé Manuel Sarille | Compostela | 05/03/2015

Comparte esta noticia
Os estudantes aproveitaron a solemnidade do lugar para soltar varias pitas polos ceos do Paraninfo. Quen lea isto, tal como está de subido hoxe o debate, deducirá inmediatamente que a protesta foi contra Cunqueiro, antigo falanxista de camisa azul e correaxes; ou contra Cela, que deixara de ser un soprón da policía franquista non había tanto tempo. Mais non foi así.
 
Naquelas datas houbera xa reflexións aclaratorias sobre estas cousas dentro da esquerda galega. Tomárase conciencia, asumírase que Álvaro Cunqueiro era talvez o mellor poeta noso do S. XX; discutíase sobre se os primeiros laureis haberían ser para el ou para Manuel Antonio. Algo antes a idea que se tiña de Cunqueiro entre os máis novos era a do comellón desagradábel, case grotesco, rodeado de franquistas e caciques que formaran o seu bando na guerra civil. El mesmo promovía esa imaxe, que en boa parte era o seu mundo. 
 
Os antifascistas mirarámolo mal, e só abrandamos, rendidos sen remedio, ante o seu mundo poético, inigualabelmente fermoso. Dona de corpo delgado e Cantiga nova que se chama riveira fixeron saltar as defensas e buscabamos exemplares cos debuxos de Seoane que ilustraran as primeiras edicións, e comparabamos as alturas dos seus versos coas de Vicente Huidobro, e líamos os seus poemas nos Cantóns de Lugo en grupo, sen saír do pasmo. Foi o único dos novos doutores honoris causa que foi aplaudido polos estudantes. Abondaban as razóns, literarias, por suposto. De certo que todo é moi contraditorio. Case tanto como aguantarlle a Jorge Luis Borges as súas criminais imbecilidades, coas que apoiaba os asasinos que por aquelas datas asolaban os pisos de Bos Aires. 
 
O obxectivo da protesta era o reitor da universidade, David Suárez Núñez, non o falanxista, nin o soprón. Moito menos Joseph M. Piel. Houbera unha aprendizaxe. Nas conversas dos cafés o incómodo Vicente Risco, teórico do nacionalismo galego e franquista xa ao comezo do masacre, convertérase en debate recorrente. Por certo que o seu antixudaísmo é sinxelamente vomitivo en Historia de los Judíos desde la destrucción del Templo, e aquí xa falamos de obra escrita, non da conduta persoal que se distingue da creación artística. Pero Risco é un piar imprescindíbel no edificio teórico da nación galega e loxicamente aí está, aceptado por todos,  no acervo cultural e tamén no canon literario. Filgueira Valverde lembra nun dos seus artigos como Afonso X tratou de destruír Compostela, facela desaparecer como camiño de peregrinación, creando unha nova devoción e un novo santuario en Castela, dedicado á Virxe María. 
 
A resposta a Cunqueiro no acto do Paraninfo fíxoa Ricardo Carvalho Calero, catedrático, militar combatente nas filas republicanas e grande persoeiro do reintegracionismo. Un ano antes Isaac Díaz Pardo editara Adral, do escritor Xosé  Filgueira Valverde e en 1981 Segundo Adral. O fillo de Camilo Díaz Baliño, asasinado na guerra civil, quería proxectar a obra de Filgueira pola súa valiosa riqueza, polo que aportaba. Non creo que haxa outra explicación. Desde logo, o que non quería facer Díaz Pardo con esa edición era apoiar a súa traxectoria política.
 
Conviría falar de todo isto en serio e con cabeza, prescindindo das vísceras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA