Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2023 | Actualizada ás 15:40
O prazo para presentar traballos á oitava bolsa 'Nacho Mirás' para xornalistas noveis, que organiza o Colexio profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, permanecerá aberto ata o 15 de xuño.
Tal e como lembraron os seus promotores, a bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, destinada a promover proxectos xornalísticos de mozos recentemente titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual.
Poderán concorrer a esta convocatoria titulados no últimos cinco anos (2023, 2022, 2021, 2020 ou 2019) en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, con proxectos inéditos e sen ningún outro tipo de financiamento nin privada nin pública.
As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, que poderá ser dividida se o xurado así o considera.
As persoas interesadas deben enviar por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal o formulario de inscrición, a fotocopia do título (ou copia do expediente para os estudantes de último curso), unha descrición do proxecto e cronoloxía de traballo, o orzamento estimado, a declaración de non ter concedida nin solicitada ningunha outra axuda e unha nota sobre o autor ou autores, que poderá acompañarse dun breve currículo de cada un deles.
Valorarase que o proxecto se materialice en galego, ser membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que poida supor unha solución profesional para os solicitantes, a viabilidade futura do proxecto, a orixinalidade, a amplitude xeográfica do proxecto, o traballo en equipo e a documentación da memoria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.