Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2023 | Actualizada ás 17:25
A Garda Civil detivo a un home como suposto responsable de oito roubos con forza no interior de establecementos situados nos municipios coruñeses de Teo e Ames. Segundo informou o Instituto Armado nun comunicado este mércores, o arrestado é un home de nacionalidade romanesa que carece de domicilio concreto.
A Garda Civil responsabiliza a este individuo de varios asaltos cometidos nos concellos da contorna de Santiago a comezos do mes de maio. O home, detido o pasado día 26 e que tiña unha orde de procura por un xulgado coruñés, empregaba o mesmo 'modus operandi' para entrar nos negocios e foi arrestado cando circulaba nunha bicicleta subtraída nun dos roubos que se lle imputan, entre os que figura un cometido nunha empresa de buses de Teo na madrugada do día 22 ao 23.
No momento da detención, o home levaba consigo distintas pezas que supostamente empregou nos asaltos, ademais de 270 euros que encaixaban coa cantidade roubada dunha nava de Teo momentos antes do arresto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.