Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2023 | Actualizada ás 17:45
Fiscalía pide dous anos e medio de prisión para a exedil de Láncara Begoña López, acusada, xunto ao seu pai, de falsificar un documento para facer crer a un construtor que abonaran parte das obras que este realizaba na vivenda familiar, polas que non percibiu nada.
Os feitos remóntanse a finais de 2021, cando ambos, recolle o Fiscal, "postos de común acordo", modificaron un PDF dunha transferencia bancaria para facer crer ao construtor que lle ingresaron 39.272 euros por unhas obras que estaba a realizar na vivenda familiar.
O documento, con todo, fora creado e era falso e, de feito, o profesional non chegou a cobrar nada dos 46.338,60 euros en reformas que fixo na vivenda. Os acusados, segundo recolle o escrito, presuntamente utilizaran anteriormente este sistema para facerse cun tractor.
Por iso, o Ministerio Público considera os feitos constitutivos dun delito continuado de falsidade en documento mercantil e outro delito continuado de estafa e pide para eles dous anos e seis meses de prisión e a devolución do diñeiro.
Non formula acusación, con todo, polo suposto uso do teléfono do concello para mandarlle unha mensaxe ao construtor simulando ser a directora do banco para xustificar o atraso no pago, que foi a orixe do caso e o motivo da personación do propio consistorio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.