Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 03/06/2023 | Actualizada ás 21:00
Conta atrás para unha nova edición da Feira do Viño de Valdeorras, mostra que este ano quere contar con máis presenza mediática e máis atractivos que a relanzen dalgún xeito. Con estas premisas xuntouse o pasado 1 de xuño o Pleno do Consello Regulador, facendo públicas as bases para o concurso de carteis e a intención de darlle unha volta e aumentar a axenda de actividades paralelas no recinto feiral.
“Porase en marcha unha axenda de actividades paralelas no propio recinto feira para ofrecer alternativas de ocio e lecer, que vincularán principalmente viño e gastronomía, aos nosos visitantes”, destacou o presidente do organismo,José Ramón Rodríguez Castellanos, quen asegurou que as diferentes accións que se levarán a cabo iranse comunicando paulatinamente.
Entre as actividades que se prevé poñer en marcha destaca a xa tradicional Cata Oficial da Feira do Viño de Valdeorras, catas maridadas e actividades dirixidas aos cativos.
CARTEL ANUNCIADOR
Ao igual que o ano pasado vaise activar un concurso aberto a todos os interesados e interesadas para elixir o cartaz que ilustrará a vindeira edición da feira, sendo o prazo para enviar propostas do 1 ao 15 de xuño. “O cartel debe poñer en valor dun xeito gráfico o saber facer único do sector vitivinícola da nosa comarca, que leva séculos elaborando tintos e brancos dunha altísima calidad”, destacou o presidente da D.O.
No que respecta ás bases publicadas, cada participante poderá presentar un máximo de tres propostas distintas e o tamaño dos orixinais debe ser de 43 x 63 centímetros en posición vertical. Os carteis deben achegarse en soporte informático en arquivo .jpg ou .png e en alta resolución (mínimo 300ppp).
Cada proposta ten que ser enviada por email ao enderezo electrónico secretaria@dovaldeorras.com ou por correo postal á seguinte dirección: Secretaría do C.R.D.O Valdeorras, Estrada Nacional 120 Quilómetro 463, 32.340-Vilamartín de Valdeorras (Ourense). Indicarase o nome e os apelidos, o enderezo e o número de teléfono do autor.
A proposta gráfica debe conter nalgures o seguinte texto: XXIV Feira do Viño de Valdeorras, 8 e 9 de xullo de 2023, O Barco de Valdeorras; e nas creacións poderá empregarse calquera técnica artística: pictórica, informática, fotográfica, etc.
PREMIO, XURADO E FALLO
Concederase un único premio de 600 euros e o xurado estará composto por representantes dos eidos do deseño, a comunicación e a arte, así como polo presidente do Consello Regulador ou persoa na que este delegue. O fallo do xurado farase público na semana do 19 de xuño de 2023 e o seu ditame será inapelable.
As bases compeltas do concurso poden consultarse na web do Consello Regulador.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.