Condenado a 6 anos o condutor borracho que matou a unha nai e os seus dous fillos en Salceda

O home de 34 anos que provocou o sinistro deu 2,49 na proba de alcol en sangue.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2023 | Actualizada ás 17:21

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a seis anos de cárcere ao condutor ebrio que provocou un accidente de circulación en marzo de 2021 en Salceda de Caselas no que morreron unha nai e os seus dous fillos, de 13 e 6 anos, respectivamente.

A sentenza da audiencia, difundida este venres polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, considera ao home de 34 anos culpable de tres delitos de homicidio por imprudencia grave en concurso cun delito contra a seguridade viaria por conducir baixo os efectos do alcol.

Nun fallo contra o que cabe recurso de apelación, a sala considera que o condutor cometeu unha grave imprudencia ao coller o coche despois de deambular por varios bares durante horas consumindo alcol, o que provocou que, cando circulaba pola estrada que une Salceda de Caselas e O Porriño, invadise o carril contrario mentres tomaba unha curva a 128 quilómetros por hora nun tramo limitado a 90.

Nese momento, o seu coche impactou frontalmente contra un turismo que conducía unha nai, que viaxaba coa súa filla de 13 anos como copiloto e co seu fillo menor, de 6 anos de idade, nos asentos traseiros usando unha cadeira especial de suxeición.

Os tres faleceron no acto, mentres que o responsable do sinistro foi trasladado a un centro médico, onde se lle practicou unha proba que deu como resultado que no seu organismo había 2,49 gramos de alcol por litro de sangue. Os xuíces entenden que o estado de embriaguez do procesado, que di non lembrar nada das horas previas ao accidente, foi determinante no deselance.

CAENDO POLOS BARES

Durante o xuízo celebrado no mes de xaneiro nos xulgados de Pontevedra, no que Fiscalía solicitou un total de 5 anos de prisión que a acusación particular elevaba a 9, testificaron varios responsables de establecementos de hostalaría polos que pasou o agora condenado durante o 19 de marzo de 2021.

Como recolle a sentenza, o condutor foi consumindo 'gin tonics' e cervexas nestes bares. Dous camareiros afirmaron que o home caeu en varias ocasións da cadeira, que tiña problemas para manter o equilibrio, que balbuceaba e que, mesmo, falaba só.

PENA IMPOSTA

A sala considera que se lle debe impor a pena do delito máis grave dos labores, isto é, o de homicidio por imprudencia grave, que, por tanto, absorbe aos demais. "Baste engadir que se unha persoa conduce como se describiu e produce a morte de tres persoas, é claro que a imprudencia coa que obrou ha de cualificarse como imprudencia grave", argumentan.

Así pois, descartan as peticións da defensa, que solicitaba a aplicación dunha eximente ou atenuante por embriaguez, así como outra atenuante por reparación do dano. No primeiro caso, entende que o home non ten un problema de adicción alcol como, recalcan, eviencia que el mesmo asegurou no xuízo que non era un consumidor habitual.

Respecto ao segundo atenuante, a audiencia subliña que "o dano infligido aos prexudicados non foi reparado nin o será nunca", xa que as súas accións supuxeron a morte de tres dos seus seres queridos, "vidas que resultan irremplazables por calquera tipo de indemnización que poida ser ofrecida".

O presunto culpable do accidente no que morreron tres persoas en Salceda, Alfredo L.R., durante un xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra
O presunto culpable do accidente no que morreron tres persoas en Salceda, Alfredo L.R., durante un xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra | Fonte: Gustavo de la Paz - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta