Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2023 | Actualizada ás 14:10
O BNG acusou á Xunta de estar "instalada no negacionismo do cambio climático" como, segundo o deputado Luís Bará, evidencian as declaracións do conselleiro do Medio Rural, José González, nas que "aplicou o manual trumpista" cando criticou as esixencias ambientais que marca a Unión Europea ao considerar que ameazan á agricultura e gandaría galega.
A formación frontista pedirá a comparecencia do responsable do Goberno galego para o próximo pleno do Parlamento de Galicia, cuxo orde do día será definido na xunta de portavoces que terá lugar este martes.
"A Xunta está incapacitada para facer política ambiental acorde ao que esixen os tempos e que encaixe co que se pide desde Europa", aseverou o deputado nacionalista Luís Bará nunha rolda de prensa no Pazo do Hórreo este luns, onde, ademais de criticar as declaracións "negacionistas" de José González, tamén cargou contra a política do Goberno autonómico en materia de desenvolvemento da enerxía eólica.
Bará comentou a sentenza coñecida o pasado 1 de xuño pola que o TSXG anula a autorización administrativa concedida pola Xunta á compañía Greenalia para a construción do parque eólico 'Campelo', proxectado en Coristanco e Santa Comba, por estar fragmentado de forma indebida e por defectos na súa declaración de utilidade pública.
O parlamentario incidiu en que "chove sobre mollado" porque "non é a primeira, nin a segunda, nin a terceira sentenza" que "bota por terra" a política eólica da Xunta, á que volveu a acusar de gobernar "ao servizo" de "grandes empresas" e as súas "portas xiratorias".
PUY: "SE O DIXO, DIO POR ALGO"
Cuestionado sobre as declaracións do conselleiro e compañeiro de partido, o portavoz do PP galego na Cámara autonómica, Pedro Puy, saíu en defensa de José González, de quen destacou que "está a facer un gran traballo" á fronte de Medio Rural.
"Se o dixo é porque ten motivos para dicilo. Con independencia do foro no que o dixo, se o di, dio por algo", remarcou o responsable do grupo maioritario no Pazo do Hórreo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.