Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2023 | Actualizada ás 13:16
O exsenador Xoaquín Fernández Leiceaga non tomará posesión da súa acta como concelleir0 do Concello de Santiago o próximo día 17 de xuño e volverá ao seu labor como docente de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela. Leiceaga fora unha das bazas elixidas por José Sánchez Bugallo para "renovar" o PSdeG e o seu nome circulaba como substituto do propio Bugallo. Con todo, a debacle socialista o pasado 28M mudou por completo a estratexia socialista.
Así o anunciou este martes nunha rolda de prensa ofrecida na sede da agrupación do PSOE local, na que considerou que o resultado das eleccións municipais do 28 de maio, nas que o PSOE se situou como terceira forza na capital galega, por detrás do BNG, fai necesaria "unha renovación a fondo" do proxecto político.
Leiceaga, que lembrou que o seu primeiro contacto co Concello de Santiago foi no ano 1999, sinalou que dentro de catro anos terá "66 anos". "E non creo que deba ser esa a percha sobre a que debe pilotar a renovación do PSOE dentro de catro anos", afirmou.
"Aínda que non formei parte do goberno nin tiven excesivo protagonismo na campaña, formo parte do proxecto desde hai 20 anos dun xeito ou doutro e é bo para o futuro do PSOE e da cidade que aqueles que estivemos en primeira liña deamos un paso á beira e demos paso a novas persoas que poidan protagonizar o futuro", sostivo.
Preguntado se cre que outros concelleiros deberían apartarse para favorecer esta renovación, o que fose senador por designación autonómica sostivo que "cada un debe facer a súa propia reflexión". "Non quero facer unha reflexión por outro nin creo que deba nin que sexa útil", afirmou para avogar por "unha mestura adecuada de continuidade e rexeneración".
NEGOCIACIÓNS CO BNG
Na súa comparecencia ante os medios e cuestionado sobre as distintas sensibilidades existentes no grupo local sobre a posibilidade de que o PSOE participe ou non no goberno encabezado polo BNG, mostrouse partidario de que o PSOE local negocie co Bloque pero non se pronunciou sobre se os socialistas deberían ou non entrar no goberno. "Eu estou a favor de negociar", argumentou para recoñecer que "a situación é complexa" e "esixe unha reflexión sobre o que é mellor para a cidade".
PALABRAS DE RECOÑECEMENTO DE GONZALO CABALLERO
Tras coñecerse a decisión de Leiceaga, o que fose secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero manifestou o seu recoñecemento a Leiceaga a través do seu perfil da rede social Twitter. "Cando moita xente cre que os políticos non valen e só buscan salarios, pór en valor a Leiceaga é defender a política. Das mellores cabezas do PSdeG e con visión de país máis aló do municipal. A USC recupera un bo académico, a política e Galicia perden", sinala a súa mensaxe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.