Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 08/06/2023 | Actualizada ás 21:47
A vitoria popular na provincia de Pontevedra está a traerlle máis dunha dor de cabeza ao líder do partido en Galicia, Alfonso Rueda. Agora, a Presidencia da Deputación de Pontevedra ten varias noivas e noivos e, decidirse por uns ou por outros, está resultando un completo quebracabezas.
Desde logo, o maior posicionado é o presidente provincial do PP en Pontevedra, Luis López, a quen se lle debe boa parte da estratexia seguida na provincia e, polo tanto, a vitoria incontestable deste partido en Pontevedra. Por iso, nos últimos días, foron varios os alcaldes --e non poucos-- os que xa apostaron públicamente por López para encabezar a deputación.
Pero, Luis López ten unha dura contrincante, a candidata do PP en Vigo e delegada da Xunta nesta cidade, Marta Fernández-Tapias, a quen afíns situaron xa de presidenta do ente provincial desde o día despois das eleccións co obxectivo de "facerlle sombra a Caballero".
Tanto López como Fernández-Tapias representan formas diferentes de entender o PPdeG e nesta loita interna volve a aparecer a vella rivalidade entre os da "boina" e os do "birrete", que aínda se mantén no Partido Popular. López é un home curtido na Galicia rural, mentres que Fernández-Tapias, que procede dunha familia "ben" de Vigo, é plenamente urbanita.
OS MEDIOS TOMAN PARTIDO
Para evitar este choque de trens, López ofreceulle a Fernández-Tapias encabezar a lista do PP por Pontevedra nas eleccións xerais, ofrecemento que a delegada da Xunta en Vigo rexeitou case "ipso facto". Aínda que alegou que ela quere centrarse en Vigo, o seu "non" rotundo dá a entender que ela aspira a postos "maiores", sen descartar a Deputación de Pontevedra.
E nesta guerra de dirixentes populares e modelos diferentes de ver o PPdeG tamén están tomando partido os grandes medios de comunicación galegos. Faro de Vigo aposta abertamente por Luis López, mentres que La Voz se decanta, claramente, por Marta Fernández-Tapias.
E RUEDA QUE DI?
Polo momento, o presidente da Xunta e líder do PP galego, Alfonso Rueda, defendeu, un día máis, que "non hai novidades" sobre quen dirixirá a Deputación de Pontevedra, e preguntado polo presidente provincial do partido, Luis López, quen gañou protagonismo nas últimas horas fronte á viguesa Marta Fernández-Tapias, admitiu que é "unha opción", aínda que evitou dalo por pechado.
Como nas últimas xornadas, o dirixente popular esgrimiu que é "normal" que haxa "movementos" e que "xurdan diversas opcións", e admitiu que a designación de López --que algúns dan xa por feita, aínda que no PP de Vigo non se quere pechar ningunha porta-- "é unha posibilidade".
Sobre a situación na que quedaría o PP en Rodeiro, localidade da que 'Lugués', como se coñece no seu círculo de confianza a Luis López, foi rexedor, Rueda defendeu que "non se falou" de quen podería dirixir a institución provincial e, cando se produciu "a feliz circunstancia" electoral de recuperala, abriuse esa porta.
Así, admitiu que, se finalmente se vai adiante coa designación de López, quen pechaba a lista no seu municipio como suplente, terían que renunciar en cadea todos os candidatos que lle anteceden, incluído un concelleiro electo, o que suma un total de 16 renuncias. Aínda que, dixo, el preferiría que "non fose necesario" facer unha manobra deste tipo, concluíu que, se López é o proposto, tocará facelo.
PROTAGONISMO DE VIGO NA LISTA AO CONGRESO
Se non deu por pechado que López vaia a dirixir a Deputación, menos se pronunciou sobre a alternativa de que Tapias puidese ter unha vicepresidencia como vía para acougar os ánimos no partido. Si admitiu ser coñecedor de que se ofreceu ser cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra e ela rexeitouno para centrase en Vigo, unha decisión persoal que valorou como "acertada" e mesmo "moi adecuada".
En todo caso, explicou que o partido na provincia --posto que no proceso popular a confección de listas está neste ámbito-- considerou oportuno realizar esta oferta a Tapias para as listas debido a que considera clave o papel do PP en Vigo na recuperación da Deputación por dúas vías: mellorar resultados e o retroceso de votos de Abel Caballero.
"Estimouse así e eu estou de acordo. Considerouse que era unha boa oferta e ela decidiu que non, que quería centrarse en Vigo", remarcou, antes de desvincular o paso de Tapias co feito probable de que "alguén do partido en Vigo representará os intereses de toda a provincia, especificamente de Vigo, nas listas das eleccións xerais" do 23 de xullo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.