Por marcelino_fdez_mallo_autor | A Coruña | 15/06/2023
Xulio L. Valcárcel destacou a brillante traxectoria de González Mariñas no ámbito universitario, e a súa experiencia nas Universidades Complutense e Autónoma de Madrid, Universidade Central de Barcelona e a USC, así como a súa prolífica actividade investigadora en materia xurídica que o acreditou para recibir a Orde Civil de Afonso X o Sabio, entre outras distincións. Así mesmo, salientou o seu importante papel na política galega, na que tivo un papel fundamental durante unha etapa na que Galicia arriscaba o seu futuro como entidade territorial e política.
Pola súa banda, Marcelino Fernández Mallo realizou unha análise de Aquellos veranos de tedio que cualificou de obra mestra e comparou co Libro do desasosego de Pessoa, El Danubio, de Magris, La vuelta al día en ochenta mundos de Cortázar, e sobre todo co volume Ensayos de Montaigne. Para Fernández Mallo, a obra transcende os xéneros coñecidos e convértese nunha especie de prodixioso artefacto literario con elementos da novela, o relato, o ensaio, a crónica, a biografía ou mesmo a poesía.
Aínda que non sexan puramente memorias, na obra hai moita memoria, unha “memoria pensada e repensada, dotada dun tempo, que se analiza, e dun espazo que se describe dende o sentimento”. O economista galego sinalou que o libro foi froito dun proxecto no que destaca unha estrutura orixinal, un estilo erudito no que abundan as citas e a retranca, e unha escisión do personaxe central que supón unha verdadeira novidade na literatura contemporánea.
Finalmente, Fernández Mallo quixo interpretar Aquellos veranos de tedio como “un epistolario, quizais inconsciente ou encuberto, de cartas de amor. Amor ás mulleres que amou Pablo, por suposto. Amor á súa patria, Galicia, e á súa cidade, A Coruña. Amor ao coñecemento e ao ensino. Amor á literatura, sobre todo á francesa, e á palabra, ao léxico preciso. En concreto, amor a Flauvert e a Proust. Amor a Borges tamén, e á poesía. Amor á rebeldía e á utopía. Amor ao Dereito e ao latín. Amor a algúns cans e a algunhas cousas. Amor ós antergos, á familia e ós amigos. Para resumir, cartas de amor a la vida.”
Pablo González Mariñas expresou a súa interpretación da literatura como “un magnífico camiño para imbricar o interior e o exterior persoal. En palabras de Goethe, trátase da sístole e a diástole, o aspirar e o expirar; diríamos que é tanto como expeler con palabras o que un leva dentro: os sentimentos, amores, paixóns, ilusións, o transcurso do tempo, o avellentar paseniño… e tantas outras cousas.”
O autor de Aquellos veranos de tedio quixo compartir cos asistentes algúns obxectivos que se formulou ao redactar o traballo presentado, e que serían unha concepción da política como un exercicio aberto, “como abrir a alma aos demais”; o valor do cambio respecto da coherencia inmutable; a loita contra a inutilidade da verdade e a urxente necesidade de reconquistala ante tanta mentira e desvergoña; o desprezo pola cobiza, ese motor do mundo actual; e finalmente, o valor da utopía, “porque a vida non pode ser conformismo e bocexo, debemos renunciar a estas actitudes pasivas e conformistas”, subliñou González Mariñas.
Como síntese dos obxectivos de Aquellos veranos de tedio, o seu autor sinalou que tratou de acadar unha expresión harmónica, tolerable e crible entre realidade e ficción, entre coherencia e rebeldía e entre forma e fondo, por riba das contradicións e do "maldito binomio practicidade-utopía". González Mariñas rematou a súa intervención desexando aos presentes, así como ao resto dos lectores da súa obra, que gocen desta travesía e desta aventura que, "mesturadas nun xogo centáurico, dan travesura".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.