'Villa de Pitanxo': excusas, atrasos e esperanzas despois do afundimento

A chegada do buque 'Ártabro' desde o lugar de afundimento do 'Villa de Pitanxo' abre un capítulo novo no caso do 'Villa de Pitanxo'. Os familiares esperan coñecer o resultado das gravacións realizadas e aclarar así que puido pasar. Voces das familias, grupos políticos e sindicatos denuncian a falta de compromiso da Administración central para investigar.

Por Moncho Mariño | Santiago | 18/06/2023 | Actualizada ás 22:04

Comparte esta noticia

O buque 'Ártabro' regresou o pasado 12 de xuño a Galicia despois de inspeccionar o lugar de afundimento do 'Villa de Pitanxo'. A saída do barco non estivo exenta de certa polémica cando se soubo que partira sen orde da Audiencia Nacional. O alto tribunal non aprobara a saída do 'Ártabro' e que advertira "en dúas ocasións" ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que é o xulgado quen debe coordinar, pór data, determinar que buque se contrata e os peritos do operativo. A última comunicación do Ministerio coa AN, antes de arranxar o problema, foi o envío dun oficio co nome da concesionaria (ASCM Shipping) xunto cunha ligazón para descargar a información da empresa e o obxecto da pericia, entre outros datos. Desta maneira, a tripulación do 'Ártabro' tivo que coller unha providencia da AN e así poder partir.

O Villa de Pitanxo faenando en augas do Atlántico
O Villa de Pitanxo faenando en augas do Atlántico | Fonte: seguridadmaritima.com

DILACIÓNS PARA ENVIAR UN BUQUE DE INSPECCIÓN

Segundo as informacións, o buque de exploración trae 30 horas de gravacións sobre o lugar onde está o pecio e o seu interior. As imaxes, que aínda non puideron ser visionadas polas partes, serán clave para esclarecer que puido pasar para que o arrastreiro 'Villa de Pitanxo' afundise en Terranova (Canadá) mentres pescaba.

Nun primeiro momento tanto o Xulgado de Marín como a Audiencia Nacional estiveron dilucidando quen tería as competencias para investigar o caso. “Pasaban a pelota un a outro” di un familiar que non quere ser nomeado. “Ao final, a Audiencia Nacional tomoi o caso por ter ocorrido a cidadáns españois fóra de territorio nacional” di Antonio Millares de CCOO.

“O Goberno español foi moi 'morno' para investigar, poñendo excusas como mal tempo, falta de permisos xudiciais ou que Canadá non permitía a investigación no seu territorio” di a eurodeputada do BNG, Ana Miranda. “Desde o primeiro momento as familias comezamos a levar documentación ao Goberno para demostrar que se podía baixar ao barco” di María José de Pazo, membro do grupo de familias afectadas. “Dicíannos que era imposible, que Canadá poñía impedimentos, e non era certo, pois a embaixadora dese país en Madrid dixo que non había problemas parte do goberno canadense” indica de Pazo.

Ao final, a Comisión de Seguridade Marítima da Comisión Europea votou a favor da investigación sobre o naufraxio. Desta maneira, “obrigábase” ao Goberno central a iniciar as pescudas. “Mais no Congreso dos deputados os propios grupos de goberno na comisión correspondente, non votaron a favor de investigar” sinala de Pazo. “Enviamos a documentación tamén ao Ministerio de Trabajo, mais Yolanda Díaz non quixo recibirnos”.

“Houbo enganos á familia como que o barco estaba a 2.000 metros no fondo do mar cando estaba a 750, falaban de imposibilidade física de realizar a inspección e logo soubemos que era por cuestións económicas” di Millares. “O caso é que todo este tema está baixo o control directo da Presidencia do Goberno, era José Miñones, o daquela delegado do Goberno quen falaba directamente coas familias. Cando tentabamos falar co Ministerio de Trabajo sempre nos remitían á área de Presidencia,  por que?, pois parece ser que se acordara así”.

IRREGULARIDADES

“Co informe e as imaxes poderase saber que pasou, mais outras veces houbo accidentes iguais, fixéronse reformas e case non cambiou nada” di Xabier Aboi da CIG-Mar. “Quen ten as competencias en inspección? Primeiro, as capitanías marítimas, se estes organismos fixesen o seu traballo, moitos accidentes no mar non terían pasado, logo os armadores, con todo, só se opera cando hai denuncias”.

“A maioría das familias non sabían nada das neglixencias que podía haber no barco, en tal caso, moitas delas están en investigación” di Maria José de Pazo. “O caso está xudicializado, hai unha investigación en marcha e agora mesmo non queremos entremeternos nela”. De Pazo insiste en que se non se fixo unha inspección en 2022 foi por falta de vontade.

“Hai medo á verdade. Cal é? Pois que non soltaron o aparello por intereses económicos” relata Ana Miranda. “Debemos crer a Samuel Kwesi, porque foi moi valente ao dicir todo, por outra parte, a empresa Norés non cumpriu coas normas de seguridade e hixiene”. Segundo trasladou a eurodeputada, o 'Villa de Pitanxo' levaba un tripulante de máis e tamén se sospeita que había algún outro membro da tripulación con COVID.

Dos superviventes, tres en total: o patrón, un sobriño do mesmo e o mariñeiro Samuel Kwesi, pouco ou nada se sabe polo de agora. Sábese que a Samuel, o mesmo que ás familias que denunciaron, houbo quen as aplaudiu como quen lles recriminou a súa postura de denunciar. “Hai como unha asunción dos riscos de ir traballar ao mar, se afundiu, afundiu, o colectivo asume os riscos, e se é fóra do país a cousa é máis difícil”.

As peritaxes que realizou o 'Ártabro' no lugar do afundimento aclararán as dúbidas arredor do afundimento, mais tamén abrirán unha “caixa de Pandora” da que poden saír moitas irregularidades que se cometen no mundo da pesca por sacarlle un maior rendemento ao mar. Tamén podería crear unha nova visión sobre a profesión no mar para que o silencio ou a resignación das familias deixe de ser “norma” para investigar casos como o 'Villa de Pitanxo'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta