Nin falta que fai, habería que dicir, para non construír un edificio chato e estulto por mor da pretendida boa intención, nunha especie de falansterio cutre onde todo marcha segundo as regras coidadosas instituídas polos buscadores de calquera perfección social. Iso non é abranguer o mundo, senón erguer un santuario para enaltecer só aos que mellor se teñen portado. Todo consonte a ideais santificadores, que para nada teñen porque coincidir coas capacidades creativas, en ningunha das disciplinas.
No canon literario o que está en xogo é a forza creativa, non a lección moral que se desprende da obra, dentro do catecismo do bo cidadán, ou do bo patriota. Outros lugares, quizás máis elevados, deben ser reservados para os heroes e as persoas exemplares. Seguramente leve razón García Márquez cando di que o único que realmente non perece son os actos, as accións sociais que axudan a mellorar a humanidade.
A vida dun autor é importante, porque pode ser espello ou non selo para unha sociedade, pero a súa obra cómpre mirala con ollos que asumen a complexidade do mundo, e non cos anteollos do que unicamente se sabe bo. O mundo é conflito, contradición e complexidade absoluta. O valor da obra de arte non vén determinado necesariamente pola mensaxe social e xulgar un teórico da cultura en termos políticos é un disparate gravemente empobrecedor, que pode marxinalo, ou magnificalo, e en consecuencia empobrecer o acervo cultural dunha nación. E isto é o que está a pasar con Filgueira Valverde.
Nos meses que veñen debemos temer dúas cousas. Unha, que na parálise que se está a producir arredor do intelectual despois da tormenta posterior ao seu nomeamento para o Día das Letras de 2015, nin sequera se escriba unha biografía en condicións. Axiña o saberemos. Outra, que a súa obra creativa, á marxe do seu comportamento como individuo, non sexa lida, e moito menos estudada. Un gravísimo erro este segundo, que igualmente nos empobrecerá, porque a obra de Filgueira é unha das máis ricas da nosa cultura. Tradicionalista, cristiá e católica, dirixida toda ela a esculcar o cerne de Galicia, cunha maneira determinada de vela e sentila, que por suposto non é a única: afortunadamente ten máis notas este samba. Pero está aí, profundísima, erguida por unha poderosa mentalidade.
Filgueira é un estudoso da alta cultura, cuxa obra está destinada, pola súa vontade, a fornecer o sutil, complexo e fermoso edificio chamado Galicia. A súa teoría, non a súa conduta, é leal cos grandes pensadores que aportaron os elementos principais da idea de Nación galega. Especialmente co pensamento de Castelao.