Rianxo, capital dos monicreques de Galicia

O festival Titiriberia celebra neste concello entre o 24 e o 30 de xullo unha oitava edición que abordará no seu apartado internacional o teatro de monicreques do Brasil e de Portugal.

Por Galicia Confidencial | Rianxo | 30/06/2023 | Actualizada ás 11:04

Comparte esta noticia

O Titiriberia: Olladas sobre os cristovos. Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo en colaboración co Concello de Rianxo  celebrará entre o 24 e o 30 de xullo a súa oitava edición. Neste 2023, o apartado internacional do seu programa mirará ao mundo lusófono ao abordar o teatro popular de monicreques de Portugal e Brasil. Compañías e investigadoras destes dous países ofreceranlle as súas actuacións e obradoiros ao público deste festival.

O cartel de Titiriberia repetirá un ano máis o seu trazo internacional e incluirá no seu cartel as creacións da compañía Trapusteros Teatro, formación brasileira que ofrecerá o seu espectáculo Marieta e o Boi Bumbá. Esta peza, que se poderá ver tanto en funcións para o público xeral coma en pases dentro do programa de campamentos de verán para a cativada, enmárcase no xénero do mamulengo, unha tradición popular de bonecos brasileiros que en 2015 recibiu o título de Patrimonio Inmaterial do Brasil.  

Espectáculo de monicreques
Espectáculo de monicreques | Fonte: Titireberia

EXPOSICIÓN DE MONICREQUES

O mamulengo, ademais, protagonizará unha das grandes exposicións deste ano en Titiriberia. A mostra, titulada Mamulengo, teatro popular de títeres do Brasil, inclúe máis de 30 monicreques físicos e 40 fotografías deste xénero. A mostra completarase con visitas guiadas que correrán a cargo da profesora Izabela Brochado, docente xubilada da Universidade de Brasilia e investigadora da Unión Internacional de Marionetas (Unima), e do titiriteiro Marcos Pena, integrantes da xa amentada compañía Trapusteros.

Brochado e Pena impartirán, ademais un curso de formación o venres 28, o sábado 29 e o domingo 30 de xullo que versará ao redor do mamulengo. Está destinado a maiores de 16 anos que queiran coñecer de preto a dramaturxia, os personaxes propios desta tradición brasileira ou achegarse á técnica dos bonecos de luva.  A inscrición, aberta até o 20 de xullo,  pódese tramitar xa a través do correo info@barrigaverde.eu  

Nesta mesma liña de amosar a tradición doutros países lusófonos, enmárcanse tamén as actuacións de Red Cloud Teatro de Marionetas, compañía nacida no ano 2013 na cidade lusa de Aveiro. A formación ofrecerá o seu espectáculo Dom Roberto, que se basea no personaxe tradicional dos monicreques de cachaporra no noso país veciño. O Dom Roberto viría a ser o  homólogo do noso Barriga Verde galego.

MONICREQUES GALEGOS

O festival Titiriberia, ademais de traer até Rianxo nomes do teatro de monicreques do ámbito internacional, nutre cada ano o seu cartel cunha mostra representativa do vizoso sector galego da escena dos bonecos. Así, neste 2023, combinará a participación de formacións pioneiras do noso teatro como son Os Monicreques de Kukas, Viravolta ou Tanxarina coa doutras compañías e artistas consolidadas do talle de Tïteres Alakrán, Clara Gayo ou Pajarito. O programa completo irase publicando nas próximas semanas.

Titiriberia volverá apostar nesta edición pola descentralización das súas actividades, de xeito que as diferentes funcións se celebren en espazos das parroquias  rianxeiras de Taragoña, Asados, Araño ou Isorna, así como espazos referenciais para o público visitante que se achega até Rianxo durante as vacacións como é o caso da Praia de Tanxil.   

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta