Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2023 | Actualizada ás 19:19
Este martes tivo lugar en Pontevedra a cuarta concentración do persoal do Centro tutelar de menores Avelino Montero como protesta ante a decisión da Consellería de Política Social e Xuventude de modificar a Relación de Postos de Traballo eliminando catro postos de traballo. Ramón Vidal, secretario comarcal de UXT e traballador do centro, sinala que con esta eliminación de catro postos de educadores "deteriórase o carácter reeducativo comprometendo o futuro do Centro de Menores".
Ademais, o dirixente sindical, criticou que a Consellería "desatende todos os datos e argumentos" que se lle trasladaron mediante alegacións os traballadores, as representacións sindicais e tamén os Colexios profesionais, así como dos datos extraídos da Memoria Anual presentada polo fiscal xefe de Pontevedra.
"A necesidade de creación de Equipos na Xefatura Territorial de Vigo non pode nin debe ser a escusa necesaria para o desmantelamento progresivo do noso Centro de Pontevedra", asegura Ramón Vidal. Os traballadores do Avelino Montero sosteñen que a Administración ten canles de orzamento e alternativas para dar resposta a esas necesidades de reforzamento de persoal para a creación dos equipos necesarios na Xefatura Territorial en Vigo sen que teña que deteriorarse o Centro de menores de Pontevedra.
Ante esta actuación, que entende como "de derriba ao único centro propio de cumprimento de medidas xudiciais que queda á Xunta de Galicia sen privatizar" os traballadores van seguir mobilizándose tal e como advertiu María García, de CC OO, que sinala que continuarán coas protestas ata que haxa "noticias favorables" aos seus intereses insistindo en que a función educativa neste centro é individualizada e sinalando que as baixas e permisos non se cobren.
Ramón Vidal lembra tamén que a Xunta de Galicia está a remodelar o centro coa primeira fase xa concluída e a segunda paralizada. "Leva camiño da privatización como sucedeu noutros centros", asegura o representante sindical ao lembrar que o centro pontevedrés é o único con carácter público íntegro en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.