Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/07/2023 | Actualizada ás 13:27
A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, asegura que "é posible" que o BNG teña grupo propio no Congreso, "coa convicción" de que van "ter representación en todas e cada unha das provincias". "Imos a por todas", sentenciou nun acto no parque de Belvís, a unhas horas de que comece a campaña electoral ás xerais do 23 de xullo.
Pontón referiuse á macroenquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) coñecida o pasado mércores -estima entre dous e tres deputados para o Bloque- para apuntar que, do mesmo xeito que "todas as enquisas", valóraa con "moita precaución", aínda que aprecia "o BNG é unha forza política que vai á alza". "Temos opción de ter esa representación, só depende de que os galegos e galegas o próximo 23 de xullo votemos coa cabeza e o corazón en Galicia, que confiemos nas nosas propias forzas para facernos valer en Madrid", sostén.
"Empezamos con toda a forza e con toda a ilusión, esta campaña conscientes de que temos unha oportunidade para que Galicia se faga valer ante o Estado, que poñamos punto final a esa discriminación", deixa claro, en busca de conseguir "ese grupo galego forte". "Facer posible o que nos din que é imposible", resalta. Deste xeito, subliña que "Galicia xógase moito", "xógase facerse respetar en Madrid". "Basta de discriminación, de ser a última carta da baralla", avisa.
Chama a que "non é momento de votar por medo ou polo mar menor", senón a facelo "con esperanza" e "con ilusión", de forma que apela a "votar desde o orgullo de ser galegos". Todo para "pór punto final á discriminación" a Galicia. E é que advirte de que non van dar "nin un paso atrás" fronte a un PP "ultra" que vai "de ganchete coa extrema dereita, profundamente antigalega". Traballarán para defender os dereitos das mulleres, así como plantar cara á "censura" da lingua e cultura galegas.
CANDIDATOS
A número un da lista do Bloque por Ourense, Noa Presas, foi a primeira en tomar a palabra para afirmar que esta formación vai romper " todas as enquisas", de maneira que augura que conseguirá un grupo parlamentario tamén "con representación de Ourense e Lugo".
Presas apunta a unha "corrente de simpatía a favor do BNG" e "aires de cambio" que farán que o Bloque consiga representación por primeira vez no Congreso en Ourense e Lugo, as provincias que sofren o esquecemento "con máis intensidade". A continuación, a cabeza de lista por Lugo, Daniel Castro, remarca que o BNG está "forte", o que "ata confirma o CIS".
Nesta liña, Carme da Silva, que lidera a lista por Pontevedra, coincide en que a formación frontista vai facer " historia" co primeiro grupo galego do Congreso. Garante que a papeleta do Bloque é "sen submisións", "pois só se debe aos intereses deste país".
Finalmente, o único representante que tivo o Bloque nesta lexislatura, Néstor Rego, número uno pola Coruña, defendeu o balance da súa xestión e incide en que o voto do Bloque "vale dobre", xa que "permite dar voz a Galicia" e "frear esa dereita involucionista", na que Alberto Núñez Feijóo vai "de ganchete da ultradereita".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.