Rianxo, capital galega dos monicreques esta fin de semana

Titiriberia contará con 24 funcións de 17 compañías diferentes.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/07/2023 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

'O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais', organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta e a Deputación da Coruña, terá lugar en Rianxo do venres 28 ata o domingo 30 de xullo. Nesta oitava edicióno festival levará até o municipio rianxeiro 24 funcións, que correrán a cargo de 17 compañías e artistas procedentes de Galicia, Cataluña, Euskadi, Brasil e Portugal. 

As marionetas Marieta e o Buey Bumbá
As marionetas Marieta e o Buey Bumbá | Fonte: Comunicacion Titiriberia

 

A programación de mañá venres comezará ás 11:00 horas no Campo Maneiro de Taragoña coa obra Marieta e o Boi Bumbá, da formación aragonesa-brasileira de Trapusteros Teatro. O espectáculo, pensado para o público familiar, preséntanos dous personaxes típicos do mamulengo, xénero do teatro popular do Brasil. 

 

Ás 12:00 horas, no Auditorio de Rianxo, a compañía galega Os Monicreques de Kukas ofrece un pase do espectáculo para público familiar Viva Vivaldi. Esta peza conmemora o terceiro centenario da composición d’As catro estacións. A efeméride é a mecha para un espectáculo de historias curtas no que se presentan as mudanzas que se producen en cada unha das estacións. 

 

Ás 22:30 horas chegará ao Auditorio Municipal de Rianxo a quenda dunha nova entrega d’As varietés do Barriga Verde, espectáculo de variedades que cada ano Titiriberia presente como produción propia. Desta volta, a mestra de cerimonias será a actriz e dramaturga Clara Gayo, quen se encargará de conducir unha velada na que se sucederán, nun ambiente de cabaré para o público adulto, os números de artistas e compañías como Tïteres Alakrán, Ura Vázquez García, Santi Prego, Natalia Pajarito, Teatro Ariños, Os Monicreques de Kukas e Ostomila Tïteres. O acompañamento musical correrá a cargo do Cuarteto de Escola de Música de Rianxo.

 

CURSO DRAMATURXIA

 

Ademias, Marcos Pena e Izabela Brochado, responsables de Trapusteros Teatro, iniciarán mañá venres o curso de formación que impartirán ao redor da dramaturxia dentro do mamulengo, xénero popular brasileiro no eido dos monicreques. Este obradoiro, que se estenderá até o domingo en varias sesións, está orientado principalmente ao público profesional. 

 

Mañá venres pecharanse os obradoiros de creación de monicreques que Titiriberia está a ofertar esta semana dentro do Campamento de Verán do Concello de Rianxo. Esta última sesión celebrarase no CEIP Ana María Diéguez, en Asados. 

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta