GC Aberto

O PSdeG necesita consolidar o seu liderado diante das vindeiras Eleccións ao Parlamento de Galicia

Este pasado sábado 30 de xullo a comisión executiva do PSdeG-PSOE acordou convocar o proceso de primarias internas para a elección da persoa que asuma a responsabilidade de ser candidata á presidencia da Xunta de Galicia nos vindeiros comicios autonómicos.

Por admin | A Coruña | 03/08/2023

Comparte esta noticia

Juan Manuel Díaz Villoslada, deputado autonómico e candidato á secretaría xeral do PSdeG nas primarias de 2017

Os anteriores aspirantes á Secretaría Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero e Valentín González Formoso, nun debate con motivo das primarias internas para elixir ao novo líder. PSDEG
Os anteriores aspirantes á Secretaría Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero e Valentín González Formoso, nun debate con motivo das primarias internas para elixir ao novo líder. PSDEG

 

Agás no suposto de adianto co que se especula frecuentemente, as eleccións poderían coincidir coas Eleccións ao Parlamento Europeo fixadas para o 9 de xuño de 2024. Así que urxe clarificar sen máis dilacións a nosa candidatura diante do electorado.

 

A votación para este novo proceso de primarias no socialismo galego fixouse para o vindeiro 17 de setembro, unha data algo chamativa xa que pode coincidir coas datas da posible investidura do presidente do goberno central. Esta convocatoria de primarias á presidencia autonómica realizase tras as Eleccións Locais do pasado 28 de maio e as Xerais do 23 de xullo. 

Nestes dous procesos electorais o PSdeG, sen entrar agora nos datos concretos xa publicados, non obtivo os resultados agardados, senon que retrocedeu sensiblemente no número de concelleiros e deputados, situándonos así nunha posición máis feble no escenario da política galega, no que o Partido Popular liderado por Alfonso Rueda mantén unha posición reforzada tras estes comicios, o BNG de Ana Pontón tamén segue unha ruta ascendente e onde parece que SUMAR vai participar tras os seus resultados do 23X. 

Neste escenario no que se pode producir así unha nova fragmentación do voto na esquerda galega, resulta necesaria unha importante capacidade mobilizadora do electorado progresista. Só baixo esta premisa estaríamos en posición de cambiar a cor política do goberno autonómico, e polo tanto de poder iniciar en Galicia unha nova etapa de avance social e económico. Pero para iste reto resulta imprescindible a presenza sólida e diáfana da candidatura socialista á Xunta de Galicia.

Na nosa tradición e historia política temos vivido etapas onde o secretario xeral do partido ten concurrido como cabeza de cartel á presidencia da Xunta, noutras conviviron ambos liderados na chamada e sempre debatida “bicefalia”. Os datos, agás os importantes resultados obtidos por Fernando González Laxe con Antolín Sánchez Presedo como secretario xeral, mostran como o partido presenta unha maior fortaleza social e orgánica cando quen ostenta a secretaría xeral é tamén candidato nas Eleccións Autonómicas. A etapa de Emilio Pérez Touriño así o demostra. E ista opción organizativa e de liderado unificado é a tónica habitual na meirande parte das federacións socialista do resto do Estado, sendo sempre clara esta opción na secretaría xeral federal.

En outubro de 2021 Valentín González Formoso foi elexido secretario xeral do PSdeG, sucedendo así a Gonzalo Caballero. Distintos medios, entrevistas e declaracións cruzadas veñen dende hai meses poñendo enriba da mesa distintos nomes que poderían encabezar a nosa candidatura á presidencia da Xunta. Por suposto que nos procesos de primarias calquera militante pode presentar a súa candidatura, pero parece inexcusable que quen ostenta a secretaría xeral tamén opte a ser candidato á Xunta de Galicia. 

Os partidos, sendo organizacións cos seus entramados internos de poderes, son, ou deben ser, esencialmente instrumentos de cambio ou transformación social. O liderado orgánico, interno, ten que proxectarse cara á sociedade, sen dobleces. A opción contraria debilítanos no actual escenario político, e debilita polo tanto ao conxunto das forzas progresistas, máxime se queda cada día menos tempo para a cita electoral en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Xandre Bastos

O partido ¿Socialista? ¿Obreiro? ESPAÑOL (iso sí que é claro e indiscutíbel) do noroeste (porque da Galiza pouco ou nada...) podería comezar por escoller un representante que dominase minimamente ben a lingua galega e que teña algo máis de carisma ca unha basoira. Semella que en MadriZ están contentos de ter ós seus galleguiños baixo as poutas pepeiras...

1 Gamela

Como instrumento de cambio e transformación social, basta mirar o éxito en Ribadavía (maioría absoluta do PP que ninguén recordaba!) e a Jácome sentado na alcaldía de Ourense (grazas ás vosas destrezas no aparcadoiro da Cidade da Cultura) por non falar do regalo da Deputación de Ourense sen pelear por ela siquera... (?) Os vosos pactos co BNG deben ser só para agardar un tempo oportuno para presentar as mocións de censusa que tanto botades en falta... (Pontevedra e Santiago) Será que a vosa Presidenta é unha espabilada que cobra dous soldos como corresponde á Marquesa de Toralla ?