Vigo, a cidade española onde ter acceso á auga sae máis caro: o consumo mínimo é de 195 euros ao ano

Ourense, terceira cidade a nivel nacional onde resulta máis barato consumir 175 metros cúbicos de auga ao ano, o consumo medio dunha familia de catro membros.

Por Galicia Confidencial | VIGO | 04/08/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A auga é un dos bens máis prezados do noso planeta. Poder facer uso dela é un dereito, e debería ser algo ao alcance de todos, independentemente da renda económica da persoa. É dicir, ata aqueles galegos con menor poder adquisitivo, mesmo es risco de exclusión social, deberían poder dispor de auga para beber, limparse e cociñar a diario. Esto é algo que só se pode garantir cunha boa xestión local da tarifa que se cobra a cada fogar.

Vista aérea do encoro de Prada desde a zona do Poboado de Prada, a 17 de abril de 2023, en Ourense
Vista aérea do encoro de Prada desde a zona do Poboado de Prada, a 17 de abril de 2023, en Ourense | Fonte: Agostime

E é que son os propios concellos os responsables de abastecer de auga aos cidadáns e, por tanto, tamén os que fixan as tarifas do servizo, do que poden encargarse directamente ou ben prestalo a través dunha empresa privada ou mixta. Sexa como sexa, poñerlle prezo á auga resulta complexo, porque por un lado a lei esixe que se cubran os gastos do servizo, pero ademais hai que procurar un equilibrio para que todos os residentes poidan pagar o acceso, aínda que teñan ingresos baixos.

Na práctica, cada localidade fixa as tarifas como lle ben en gana, ao non haber unha normativa común para todas. E é que non pode habela, pois hai zonas costeiras con máis fácil acceso á auga que as de interior, ou zonas do Atlántico onde se pode aproveitar máis a auga que nas do Mediterráneo. A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), realizou unha análise das tasas de todas as capitais de provincia españolas, incluíndo Vigo e Gijón, ata un total de 54 municipios, entre os meses de abril e maio de 2023.

EN VIGO A FACTURA MEDIA PARA UNHA FAMILIA DE CATRO MEMBROS É DE 305 EUROS AO ANO

Observouse que a maioría das localidades aplican unha política baseada en bloques de consumo: un primeiro bloque que comprende certo número de metros cúbicos a un prezo máis baixo e unha serie de bloques sucesivos a distintos prezos. É cada municipio o que ten a potestade de decidir en cantos bloques dividir a súa tarifa, cantos metros cúbicos de auga quere incluír en cada bloque e a que prezo se deben pagar. Como resulta lóxico, o prezo máis baixo do primeiro bloque deberíase aplicar ao que se considera o consumo de auga esencial (entre 50 e 100 litros por persoa e día, estando a media española en 133, segundo o INE).

Auga saíndo do cano dunha fonte
Auga saíndo do cano dunha fonte | Fonte: Europa Press

Deste xeito, o primeiro bloque debería incluír uns 30 metros cúbicos ao ano por persoa e en torno a 100 metros cúbicos para un fogar composto por tres membros. Son moitas as cidades que no primeiro bloque superan amplamente eses 100 metros cúbicos e case nunca se ten en conta cantas persoas viven en cada casa. A OCU estima que un fogar de entre tres e catro persoas consume de media uns 175 metros cúbicos de auga ao ano.

Con este dato na man,as diferenzas son moi notables dependendo da cidade, e oscilan entre os 164 euros de Guadalajara e os 520 de Barcelona, sendo a factura media duns 306 euros. Nesta táboa, as cidades galegas sitúanse razoablemente por baixo da media, agás Vigo, que a pisa, con 305. A Coruña e Pontevedra andarían nos 250, Lugo superaría por pouco os 200 e Ourense estaría nos 180, sendo a terceira cidade española onde resulta máis barato consumir 175 metros cúbicos de auga ao ano.

EN OURENSE O CUSTE MÍNIMO POR TER AUGA NO FOGAR SITÚASE EN 50 EUROS, CATRO VECES MENOS QUE EN VIGO

Se falamos de custe mínimo por acceso á auga, tamén hai moi notables diferencias, que non se sabe moi ben a que respostan dada a complexidade dos recibos, que inclúen custes de cousas que reciben diferentes nomes en función da cidade: custe por captar a auga, tratala para asegurarse de que é potable e distribuíla ata os fogares; custe de recoller a auga dos sumidoiros; e custe por depurar as augas residuais. Por termo medio, o 54 % da factura final estaría conformada polos gastos de depuración (e aínda que non debería custar máis depurar a auga nunhas cidades que noutras, as diferenzas son moi notables).

Vigo, no que se refire ao custe por consumo mínimo, é dicir, só por ter acceso ao servizo, é das cidades máis caras de España, chegando aos 195 euros para dispor de auga no fogar. Así, a pesares de que no que se refire ao custe do consumo de 175 metros cúbicos de auga ao ano se sitúa ao nivel de Badajoz (305 Vigo e 296 euros Badajoz), na cidade estremeña o servizo mínimo págase tan só a 32 euros. Esto, como é lóxico, penaliza ás vivendas inhabitadas durante grandes períodos de tempo, como é o caso de segunda residencias.

A cidade olívica ten o consumo máis alto de España neste bloque mínimo, rozando os 200 euros. Seguiríanlle de preto Tarragona e Alicante (o cal ten máis sentido por tratarse de zonas mediterráneas). Máis atrás estarían Barcelona e Valencia, no umbral dos 150 euros (de novo costa mediterránea). Tendo en conta que a mínima media en España está nos 89 euros, Vigo supera esta media por máis de cen euros.

Por debaixo estaría Pontevedra, neses 150 euros que tamén pagan Barcelona e Valencia, e máis de 60 por riba da media. A Coruña rozaría a media dos 89 euros, ao igual que Lugo, que aínda estaría un pouco máis abaixo. Finalmente, a cidade galega máis barata das analizadas sería Ourense, onde o custe do acceso á auga sitúase nun mínimo de 50 euros, case catro veces menos que en Vigo e un 40 euros máis barato que na media nacional.

UNHA SUBA DO 15 % NAS FACTURAS DA CIDADE OLÍVICA NOS ÚLTIMOS TRES ANOS

Pasando a analizar os aumentos no custe da factura nos últimos anos, hai que dicir que para o cara que se puxo a vida en todos os aspecto, no que respecta á auga, non foi tanta a subida, dependendo novamente da cidade na que poñamos a vista, claro. Así, o importe da factura media nos últimos tres anos rexistrou un lixeiro incremento, do 2,2 %. Entre as subas máis destacadas, novamente, atópase Vigo, cun 15 %, quedándose só por detrás de Bilbao, que subiu nun 16 %.

Un home maior bebe auga dunha botella nun día de intensa calor
Un home maior bebe auga dunha botella nun día de intensa calor | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Sentidiño

National Geographic denigra Vigo: «O maior porto de pesca ilegal de Europa». O avance do novo capítulo de "Tráfico Ilegal" cita tamén unha lacra ancestral que pesa sobre Galicia e é o cliché que vincula esta comunidade co narcotráfico. “Sempre foi un portal para o contrabando a Europa. Levan implicados no tráfico non só de peixe, senón tamén de droga ou tabaco”, explica unha das testemuñas que aparecen no documental de National Geographic...

1 Gamela

Contos varios, o meu recibo de auga ronda os 38 € (bimensual) cun consumo medio de 9 m3 (cada dous meses) así que o custo do recibo anual ronda os 230 € ! Pero vivimos nun concello tan divertido que medio mundo fai colas para recoller entradas para O Marisquiño que financiamos con 1,3 Millóns € e un pinchadisco Jeta seica vai cobrar 900.000 € por pinchar tres horas de música en Castrelos... Por non falar dos 4 anos anticipados de luces de Nadal que segundo información do Concello vai sair por 3 Millóns cada ano ata o 2027 ! Non tiñamos para pan, pero mercamos estampitas... Vigo onde Abel saca Maiorías Absolutas para a auga máis cara do mundo... Os negocios de Aqualia e Caballero !