Seis de cada dez cancros en Galicia diagnostícanse en homes, sendo o de pulmón o máis mortal

Sanidade detecta un "aumento moi significativo" no número de tumores a partir dos 65 anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/08/2023 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

Os homes representan 59 % dos casos de tumores diagnosticados en Galicia e padecen, sobre todo, de próstata, pulmón e vexiga, aínda que son os segundos os que presentan unha maior mortalidade. Así o recolle a Estratexia de Xestión do Cancro en Galicia (2022-2028), cuxos datos foron publicados este xoves pola Consellería de Sanidade.

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, foron os encargados de presentar os avances e os resultados obtidos nesta Estratexia.

Entre os seus obxectivos, Durán sinalou a importancia deste tipo de investigación para que se poida saber que área debe ter prioridade. "Necesitabamos deste tipo de datos para tomar calquera tipo de decisión, tanto clínica como de xestión. Saber do que estamos a falar. Non é só dicir cantos tumores temos, senón tamén saber: hai diferenzas entre homes e mulleres? Hai diferenzas por grupos de idade? E entre tipos de tumor?", explicou a directora xeral. En canto aos números, Durán subliñou que se refiren aos de tumores, non de pacientes, pois unha persoa pode ter máis dun tumor.

MÁIS TUMORES A MÁIS IDADE

"Os datos indican que o número de tumores aumenta cando aumenta a idade e hai un aumento moi significativo cando se pasa dos 65 anos. Ademais, o que se ve é a diferenza que hai entre homes e mulleres, cunha incidencia de 9.925 casos en homes e de 6.764 en mulleres en Galicia", destacou a directora xeral.

Segundo Durán, os cancros con máis ocorrencia en homes son os de próstata (2.288), de pulmón (1.400) e vexiga (1.098). Entre as mulleres, os cancros máis frecuentes son os de mama (1.767), colon (737) e pulmón (530). En relación á mortalidade, en 2020, o cancro que resultou en máis falecementos foi, entre os homes, o de pulmón (1.155), seguido polo de próstata (478) e o de colon (459); mentres que nas mulleres, os máis fatais foron os de mama (432), de pulmón (385) e de colon (375). A directora xeral destacou que non hai diferenzas significativas en relación á ocorrencia de cancro nunha comparación entre as áreas sanitarias de Galicia.

Cancro de pulmón
Cancro de pulmón | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta