'Día da Música Tradicional' e fin de festas en Quiroga

Dentro do programa de Festas de Verán que organiza o Concello de Quiroga, este ano dedícaselle un día á Música Tradicional. Será este sábado 12 de agosto e o prato forte será o concerto do grupo tradicional Os Melidaos a partir das 23:00 h. O peche das festas será o domingo 13 con Fogos artificiais e o concerto dos Gin Toni's.

Por Galicia Confidencial | LUGO | 12/08/2023 | Actualizada ás 10:58

Comparte esta noticia

O equipo de goberno, e nomeadamente a Área de Cultura e Festexos, impulsa esta iniciativa co desexo de darlle continuidade os vindeiros anos e co obxectivo de traer a Quiroga propostas musicais e folclóricas que visibilicen e divulguen a riqueza do noso patrimonio cultural.

A Volta do Agro
A Volta do Agro | Fonte: Cedida

Deste xeito, o 12 de agosto pola mañá, a partir das 12:00 h. actuará o grupo de Música e Baile tradicional “A Volta do Agro”, formación que chega grazas ao programa “Tradigalu” da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo; e pola noite haberá un gran concerto a cargo do grupo tradicional “Os Melidaos”. Estes últimos chegan dentro do programa que impulsa tamén a Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, “Xunt@s polo Serán 2023”. Estas actuacións serán na Rúa Real, nas proximidades da Casa do Concello.

A VOLTA DO AGRO

O Obradoiro de Cultura Tradicional A Volta do Agro nace no ano 1995 na cidade de Lugo. Este colectivo xorde coa idea de traballar no obxectivo último da asociación, a dignificación da cultura tradicional galega. Máis de 25 anos de traxectoria recollendo toda canta mostra de música, cantos, bailes e roupa se conseguise, e transmitindo todos estes coñecementos a través de obradoiros e actuacións.

A día de hoxe a asociación conta con tres grupos que poden actuar de forma conxunta ou por separado: o grupo de música tradicional (integrado por gaitas, acordeón, clarinete e percusión), o grupo de pandereteiras e o grupo de baile tradicional, en total máis de 20 membros que intentan reproducir o máis fielmente posible o que os maiores lles transmitiron, incluídos outros aspectos como a vestimenta e o espírito das festas doutros tempos. Por iso, nas súas actuacións gustan non só de ser observados senón tamén de que o público participe no espectáculo de xeito que ao final todo se converta nunha gran festa.

Os Melidaos
Os Melidaos | Fonte: Cedida

Ao longo de todos estes anos a asociación ten actuado en numerosas vilas de toda Galicia e levado as súas músicas e os seus bailes fóra da nosa comunidade –Castela e León, Asturias, Euskadi, Madrid-- e mesmo ten representado a Galicia en diversos festivais en localidades de Portugal, como Braga, Porto, Avanca, Coimbra e Guimaraes. Asemade, ten organizado varios festivais de música tradicional baixo o nome de Festival Zumbanocoiro, nos que participaron grupos procedentes de toda Galicia e Portugal.

OS MELIDAOS

“A música tradicional é un tesouro que compre conservar”. Esta é unha máxima coa que Os Melidaos veñen camiñando desde os seus inicios na música tradicional, outorgándolle a gaita e a voz un papel protagonista. Nese andaina, o grupo loitou sempre por acadar un son tradicional, pero á vez unha sonoridade propia, procurando en todo momento que os vellos sons teñan, a preponderancia que merecen. Segundo eles o importante non é o intérprete senón o interpretado, sendo este pobo o que latexa tras as notas dun alalá, dunha muiñeira o dunha alborada.

Nos máis de vinte anos de existencia, son moitas as pezas que veñen interpretando: unhas dos repertorios dos chamados Coros Históricos; outras das “tocatas” dos grandes grupos de gaiteiros da historia do noso país; outras de recolleita propia e como non; algunhas da propia creación dos membros do grupo.. tratando sempre de aportar novas melodías agrandando o repertorio da chamada música tradicional.

Hoxe seguen dándolle aire ás palletas e apreixando as súas gorxas, para que a música non pare, e o interpretado conte coa relevancia que se merece.

POSTA EN ESCEA DO GRUPO

O primeiro dos elementos non musicais que o grupo asume como parte esencial da súa actividade é o traxe. Calzóns, cirolas, chaleques, polainas, monteiras… forman parte dos seus espectáculos, coidando a estética en aras a poñer en valor esta parte importante do noso folklore.

No tocante á parte musical, a gaita é a gran protagonista, sendo a voz outro elemento esencial. No seu repertorio, non faltan pezas dos grandes grupos de gaiteiros, pezas dos repertorios dos chamados Coros Históricos, pezas de recolleita propia e como non, pezas da súa propia creación.

Mención especial no seu repertorio merece o Alalá, que ten cabida en todos os seus espectáculos, constituíndo unha das claves musicais dos Melidaos, pois entenden que no tocante as melodías, non hai nada máis propiamente galego que o Alalá, como ben dicía Otero Pedrayo: “… o cantar con largos finais que indican como que non se pecha nada, como nada é completo, senón que queda sempre tendida unha ponte ata o máis alá, unha melancolía ata nos momentos máis alegres da charla ou da festa”.

DISCOGRAFÍA

“Quen ben baila, que ben baila” (2019), “Axudádeme a cantar” (2012), “Festa na Codeseira” (2015), e “Tribo nosa” (2019).

RESTO DE PROGRAMACIÓN DAS FESTAS QUIROGA 2023

Dentro do programa de festas para este 12 de agosto tamén actuará o grupo valdeorrés Os Broders no escenario da Rúa Lago en sesión vermú, as 13:00 h. e en sesión de madrugada a partir da medianoite, xa ás 1:00 h.

Como evento deportivo destacar o 'Trofeo Festas de Verán' de fútbol que enfrontará aos equipos xuvenís do Quiroga F.C. e o C.F. Monforte; e para público infantil unha animación de rúa ás 21:00 h. co espectáculo 'O bosque vivinte'.

O domingo 13, e como fin de festas, a sesión vermú correrá a cargo do dúo 'Dos en Punto'; o evento deportivo futboleiro será ás 19:00 h. co encontro de fútbol senior entre o Quiroga F.C. e o C.D. Río Sil; e como espectáculo familiar chega a Quiroga "Asacocirco Show" ás 22:00 h. na Praza do Auditorio.

O remate total contará con Fogos Artificiais na Praza de España ás 23:00 h. e co concerto de Gin Toni's na Rúa Real ás 23:30 h.

Escenario da Rúa Lago
Escenario da Rúa Lago | Fonte: XdL
Os Gin Toni's
Os Gin Toni's | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta