O percorrido polas candidaturas que se presentan nas sete cidades mais importantes é desolador. Só en tres as esquerdas foron quen de chegar a unha candidatura conxunta, BNG e PSOE autoexcluidos xa de inicio. E só en dúas cidades as expectativas poden dar lugar ao optimismo. En Santiago Compostela Aberta pode converterse nunha alternativa real de goberno apesares da escasa diversidade social da súa candidatura. En Coruña a maioría absoluta do Partido Popular está en risco, pero chegado o caso poderá contar coa muletilla de Cidadáns e o PSOE camiña cara un batacazo, que Francisco Vázquez pode converter en histórico, deixando á Marea Atlántica ás portas de converterse no eixo progresista da política municipal, aínda que pensar en que pode chegar a gobernar é case unha utopía. E non nos enganemos: as utopías non existen. En Pontevedra os resultados da Marea Pontevedra serán no mellor dos casos testimoniais ante a fortaleza dun Miguel Anxo Lores ante o que tanto o PP como o PSOE se saben perdedores.
No resto das cidades as divisións e subdivisións das plataformas alternativas, sexan candidaturas abertas, mareas, gañemos ou como quer que se denominen en cada concello, as leva de forma irremediable a converterse en anécdotas, salvo que a lotería dos porcentaxes os poña cunha representación cativa pero necesaria para garantir investiduras e maiorías. En moitos casos o fraccionamento do voto traerá as consecuencias que todos sabemos...
Á marxe do que predican as enquisas, podemos facer outras profecías: En Ourense Jesús Vázquez está a pouco de converter a campaña electoral nun paseo de mañá de domingo pola rúa do Paseo ante a dispersión e as liortas dos onte compañeiros, onde había unha candidatura unitaria apareceron tres da noite a mañán. De pouco van valer as apelacións á corrupción, que a tantos ten xa salpicado. En Ferrol o Partido Popular revalidará sen problemas a súa actual maioría, o BNG quedará ao borde da marxinalidade municipal, co espazo comido pola candidatura nucleada arredor de Esquerda Unida. Orozco gobernará sen maiores problemas Lugo e en Vigo Abel Caballero sería extremadamente raro que non obtivera a maioría absoluta que ata agora se lle resistiu, grazas aos éxitos propios e os múltiples erros da esquerda e tamén da dereita popular.
No resto de Galicia a división das esquerdas garantirá cómodas maiorías ao PP en innumerables localidades. Os resultados da dereita serán a grandes rasgos satisfatorios, ainda obtendo posiblemente o seu menor porcentaxe de votos nunhas eleccións deste tipo.
Nun mapa político a nivel de Estado no que o retroceso do PP será xeneralizado, e extremadamente doloroso si se producen perdas como as que se auguran na comunidade de Madrid e Valencia e nos mesmos concellos, os populares galaicos sacarán peito. O seu desgaste será visiblemente menor.
A colosal maquinaria electoral do Partido Popular, e a súa mesta rede clientelar conta para as eleccións do 24 de maio cunha axuda que será inestimable: as esquerdas e a súa incapacidade xenética para estar á altura do que a sociedade demanda. En multitude de poboacións, a maioría das máis importantes, o votante de esquerdas e de centro-esquerda non teñen unha ou dúas opcións entre as que decidir o seu voto: terá catro… cando non cinco!!: o PSOE, o BNG, unha e moitas veces dúas candidaturas “unitarias” e Compromiso por Galicia. O resultado da miopía política é previsible.
Feijoo poderá vender a noite do 24 de maio, ante a dirección popular, os seus resultados, conservará a meirande parte do poder municipal. Resultados que seguramente serán os peores en porcentaxe de voto en moito tempo, no referido a unha eleccións locais, pero que serán magníficos no panorama xeral.
O noso presidente autonómico a noite do 24 de maio medirá a súa vitoria polos resultados propios e polo descalabro de moitos dos seus compañeiros de filas. Logo da festa partidaria, dende Monte Pío, aínda que mire cara o casco vello compostelán el poderá ver a silueta de Madrid albiscando no horizonte. De estar preto da residencia presidencial non fará falla afinar moito o ouvido para escoitar como os tapóns das botellas de champan saltan e se estrelan contra os teitos.
Mentres, as esquerdas, esa mesma noite, mirarán incrédulas os resultados que irán saíndo nos centros de datos e preguntaranse que é o que pasou. Non hai peor xordo que o que non quere ouvir. Non hai peor cego que o que non quere ver.