Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2023 | Actualizada ás 12:30
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) renovaron o convenio de colaboración para manter a quenda de garda psicolóxica para a atención 24 horas ás vítimas de violencia de xénero e ás súas fillas e fillos menores.
A quenda de garda especializada e permanente trátase dun servizo con carácter inmediato e personalizado para situacións de urxencia, dispoñible as 24 horas do día, os 365 días do ano e que se leva a cabo tras un acordo subscrito en 2018. O servizo préstase, de maneira gratuíta, a través de profesionais con formación específica desde o momento no que se presente unha denuncia. A atención psicolóxica actívase con carácter inmediato tras producirse un episodio violento ou agresivo e préstase en todos os partidos xudiciais galegos a requirimento das forzas e corpos de seguridade.
O procedemento de activación comeza cunha chamada ao teléfono de información ás mulleres, o 900 400 273, operativo de maneira permanente. Un profesional especializado da quenda de garda atenderá todo caso de violencia de xénero que cumpra cos criterios de activación, detectando as necesidades psicolóxicas da persoa en situación de violencia de xénero e axudando a entender e dar visibilidade tamén ás dos seus fillos e/ou fillas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.