Ourense e Barbadás únense para reclamar á Xunta un sistema de transporte metropolitano: "Estaría todo listo en tres semanas"

Os rexedores avanzaron que solicitarán unha reunión de traballo co Goberno autonómico á que convidarán a asistir aos alcaldes e alcaldesas da comarca para demandar a activación do proxecto. Nesta liña, o alcalde de Barbadás sinalou que o transporte metropolitano é "algo imprescindible" para a cidadanía e manifestou que as ordenanzas están aprobadas "desde fai seis ou sete anos" e que a Xunta prometeu entón que "se ía a implementar nun mes", algo que "ao final quedou en auga de borrallas".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 07/09/2023 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

Os alcaldes de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e do municipio limítrofe Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, uniron forzas este xoves para reclamar á Xunta a creación dun sistema de transporte metropolitano ao redor da cidade das Burgas. Valcárcel recibiu no seu consistorio ao alcalde ourensán para manter unha reunión de traballo na que trataron temas que afectan a ambos os municipios, pero, principalmente, enfocados ao transporte metropolitano.

Os rexedores avanzaron que solicitarán unha reunión de traballo co Goberno autonómico á que convidarán a asistir aos alcaldes e alcaldesas da comarca para demandar a activación do proxecto. Nesta liña, o alcalde de Barbadás sinalou que o transporte metropolitano é "algo imprescindible" para a cidadanía e manifestou que as ordenanzas están aprobadas "desde fai seis ou sete anos" e que a Xunta prometeu entón que "se ía a implementar nun mes", algo que "ao final quedou en auga de borrallas".

Deste xeito, trasladou que se o Goberno autonómico ten vontade, o transporte metropolitano "estaría implementado á voz de xa" porque "o interese e a disposición" é mutua por parte de ambos os concellos. Pola súa banda, Pérez Jácome sinalou directamente á Xunta de Galicia como responsable da posta en marcha desta rede de transporte, posto que, remarcou, na cidade das Burgas estaría "todo listo en tres semanas".

"O Concello de Ourense vai realizar un prego de renovación provisional da concesionaria e nesa renovación, que se fará en dúas ou tres semanas, xa se inclúe a posibilidade do transporte metropolitano mentres esperamos o transporte novo", asegurou Jácome, quen, con todo, sostivo que "é absolutamente incerto" que non se puidese realizar porque a concesión estivese en precario.

Deste xeito, indicou que "os grandes prexudicados" serían as concesionarias da Xunta de Galicia, que cobren varias liñas desde San Cibrao das Viñas e desde Barbadás. "Se se instalase este transporte, o Goberno autonómico tería que rescindir o contrato e indemnizalas", relatou.

"A Xunta non está disposta e bótalle a culpa ao Concello de Ourense, pero son as súas propias concesionarias as que realmente obstaculizan para que non haxa transporte metropolitano", insistiu Pérez Jácome, que reiterou que o Concello de Ourense teríao "todo listo en tres ou catro semanas". "A pelota está no tellado da Xunta de Galicia", concluíu.

Imaxe dun autobús urbano
Imaxe dun autobús urbano | Fonte: IVECO BUS - Arquivo

XUNTA

Tras estas declaracións dos alcaldes de Ourense e Barbadás, a Xunta emitiu unha resposta, facilitada a Europa Press, na que sitúa a responabilidade da situación no goberno ourensán, ao que pide que "acredite" que os autobuses urbanos dispoñen da tecnoloxía necesaria para a súa integración no sistema de transporte metropolitano.

Despois de defender que a Xunta é "a primeira interesada" en que Ourense se incorpore a este sistema, sinala que "todos os intentos" realizados para conseguilo "topáronse co obstáculo" da caducidade do contrato de concesión do servizo de autobús urbano da cidade, algo que, segundo a Consellería de Mobilidade, "continúa pendente a día de hoxe".

Afirma que o propio Jácome "recoñeceu esta semana que non sería posible articular cambios nas rutas" ata que non se licite a nova concesión e apunta que tampouco será posible que a concesionaria "realice o esforzo de implantar a tecnoloxía necesaria para integrarse no sistema do Transporte Metropolitano".

Neste sentido, lembra que este sistema "require máquinas de pago (canceladoras) e un software compatibles co xa implantado nos autobuses interurbanos da Xunta". "Se o Concello de Ourense pode acreditar a dispoñibilidade desa tecnoloxía e máquinas canceladoras nos autobsues urbanos, a Xunta poderá iniciar o proceso da súa integración", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta