GC Aberto

Os tilos estresados de armas

Cada planta é de por si un enxamio, di o neurobiólogo vexetal Stefano Mancuso, unha das máximas autoridades neste eido científico. Sensibilidade e intelixencia no mundo vexetal é un dos seus engaiolantes livros sobre este reino esquecido.

Por admin | Ferrol | 09/09/2023

Comparte esta noticia

Mancuso salienta o feito de que dependendo os humanos por enteiro do mundo vexetal -e non só para poder respirar o osíxeno que eles producen senón tamén porque gran parte da enerxía que utilizamos é de orixe vexetal- teñamos tan pouco interese por el. Mediante sucesivas transformacións xeran a enerxía que consumimos, sexa cal for a forma en que se presente (da madeira ao carbón e do petróleo aos demais combustibeis fósiles). E, por riba, son os grandes bosques os reguladores da temperatura do planeta co que se tornan vitais para a nosa supervivencia como especie. Os vexetais son o elo que une a Terra co Sol.

Tilos na praza de Armas de Ferrol
Tilos na praza de Armas de Ferrol | Fonte: ferrol360.com

Malia todo, nin sequer por propia comenencia somos quen de conservar a floresta. E aínda nos pasma que os tilos da praza de Armas estean estresados!. Como estariamos nós se recibiramos cada día a nova da morte dos nosos veciños? Porque eles saben das criminosas talas de todo o concello, dende A Malata ao Inferniño e dende o colexio de Lángara á ermida de Chamorro. Acaso non sabemos que as árbores teñen o correo máis económico e ecolóxico do mundo? Elas empregan as aves e insectos como carteirías de enlace e mensaxeiros e dispoñen de 15 sentidos que sobardan ao noso sexto con creces. Se son quen de calcular a gravidade e os campos eletromagnéticos así como abondosos gradientes químicos, como non van estar estresados? Os tilos de Armas falan entre eles a través das súas raizames, incluso no medio do rebumbio dos concertos.   Como inmigrantes sen papeis, sofren unha carosa adaptación e eu estou certa de que teñen unha prodixiosa memoria que lles fai lembranza de Guillerme o Taciturno, Pai da súa patria, aquel que artellou a revolta dos holandeses contra o dominio español e claro, como en Ferrol a meirande parte da cidadanía fala coma nese dominio, vese que os tilos gardan certa xenreira. Se por riba temos en conta que a terra na que os chantaron é portuguesa e a praza mudou hai tempo o nome de Carme por Armas, temos que entender que son demasiados cambios para unhas árvores adoptadas cando xa tiñan certo porte.

 

Os ferroláns cruzamos a praza e nin miramos para eles e como se moven tan de vagar parécenos que non son sequer seres vivos, ignorándoos como obxectos nosos que unha vez vistos, aborrecemos. Nin gostamos do seu ocre espírito outonizo. Os tilos senten que nin lles agradecemos as súas propiedades medicinais que nos alivian nas catarreiras. Desbotamos as súas follas sen saber que teñen efectos hepatoprotectores nunha cidade que bate récords de bares por habitante. Así que os tilos andan morriñentos arelando ser corpo de guitarras e baterías anque sexa para producir unha música  semellante ao ruido.

 

Eu son da opinión de que os tilos botan en falla a aquelas augadoras, mulleres sacrificadas que, antes de chegar aos fogares a auga da traída, facían longas ringleiras na fonte de Churruca, alí no medio da praza. Os tilos sábeno porque chégalles polo sochán o cable raicento dos Xardíns de Herrera e a tristura dun monumento xa sen fonte adicado a aquel mariño que levantara cartas das Illas de Sotavento no mar Caribe e  que fora  morrer na batalla de Trafalgar. 

 

Ou será que no sochán de Armas aínda queda terra con memoria e os 21 poden escuitar aos vendedores de quincalla e mobles de hai máis de cen anos e treman só de lembrar que esta foi a praza do mercado da leña?.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta