Urxencia dun plan global ante os efectos do cambio climático nas producións vexetais

Os grupos na Cámara galega mostraron este martes o seu respaldo unánime a instar á Xunta a elaborar un plan global para facer fronte aos efectos do cambio climático e os episodios de seca nas producións vexetais e a degradación dos chans.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2023 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

Os grupos na Cámara galega mostraron o seu respaldo unánime a instar á Xunta a elaborar un plan global para facer fronte aos efectos do cambio climático e os episodios de seca nas producións vexetais e a degradación dos chans. Así o recolle unha moción levada á sesión plenaria deste martes polo BNG e que saíu adiante co apoio de PSdeG e PPdeG despois do acordo para modificar a proposición orixinal defendida pola nacionalista Carme Aira.

En concreto, as forzas políticas con representación no Lexislativo galego demandan que a problemática asociada para os efectos no campo do cambio climático e, en concreto, dos episodios de seca cada vez máis frecuentes sexa afrontada a través dunha estratexia "global" que conte coa implicación do sistema investigador galego. En primeiro lugar, reclaman a elaboración de estudos sobre os graos de afectación do territorio galego e dos seus chans para medir o impacto do quecemento global nas producións vexetais para consumo humano.

A partir desta análise expoñen que se viabilicen novas captacións e aproveitamentos de auga para rega que sexan sustentables, profundar no descubrimento e uso de variedades vexetais "resilientes" á seca e ás patoloxías que ten asociadas e, en último lugar, que se reduzan o uso de fitosanitarios en función dos parámetros que marca a normativa europea.

PASAR "AOS FEITOS"

Na súa exposición, a deputada nacionalista Carmen Aira incidiu en que non é suficiente que a Consellería do Medio Rural reconoza que exista un problema co cambio climático, senón que debe pasarse á acción coa "adopción de medidas" que acompañen aos produtores do sector primario.

Para Aira, é fundamental que a Xunta se apoie nun sistema investigador "que se está desmantelando" mentres que a formación profesional agraria presenta un estado "moi mellorable". "Hai que espabilar as políticas que se poidan facer para mellorar o noso agro e, de paso, a nosa alimentación", apostilou a deputada frontista.

Na súa quenda de intervención, o deputado do PP José Antonio Armada defendeu o plan da seca elaborado pola Administración autonómica que, di, necesita da implicación do resto das administracións e cidadanía para que alcance os seus obxectivos. A continuación, criticou ao Goberno central por "marxinar" a Galicia e outras comunidades autónomas no acceso ás axudas estatais contra a seca e que, segundo remarcou, provocou a reacción das organizacións agrarias.

"Se no PP queren abordar os problemas da seca deberían actuar algo máis que limitarse a criticar ao Goberno", respondeu o deputado socialista Martín Seco, que acusou á Xunta de non tratar a falta de auga "dunha forma integral" desde hai 14 anos. Para Seco, o PP queda deslexitimado ao falar de cambio climático cando "pactan cos negacionistas" de Vox, aos que "entregan" en comunidades autónomas e gobernos locais "a xestión do medio rural ou de medio ambiente".

Encoro de Belesar no Río Miño, a 3 de agosto de 2023, en Lugo
Encoro de Belesar no Río Miño, a 3 de agosto de 2023, en Lugo | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta