Rueda reúnese co embaixador de Italia para afianzar as relacións turísticas con Galicia, que xa recibiu 21.000 peregrinos italianos este ano

As exportacións galegas a este país creceron un 32 % no último quinquenio, ata os 2.807 millóns de euros.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/09/2023 | Actualizada ás 16:35

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu este xoves ao embaixador de Italia para España e Andorra, Giuseppe Buccino Grimaldi, nun encontro para continuar avanzado nas relacións turísticas, propiciadas polo Camiño de Santiago, ao ser a capital de Galicia e a capital italiana, Roma, dúas das tres cidades santas da Cristiandade.

No encontro, do que informou a Xunta nun comunicado, o mandatario autonómico estivo acompañado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, mentres que o embaixador acudiu co vicecónsul honorario de Italia na Coruña, Francesco Milani, e o secretario conselleiro do Embaixador, Filippo Palacios.

Na cita profundouse na importancia do Camiño de Santiago na relación entre Galicia e Italia, xa que este país é tradicionalmente o que maior número de peregrinos xacobeos achega, só superado por Alemaña, entre 2008 e 2013, e Portugal durante a pandemia. Ademais, a Xunta lembrou que Santiago e Roma están unidas polo itinerario de dobre percorrido da Vía Francíxena, que conecta a catedral compostelá coa basílica de San Pedro. Precisamente, nos oito primeiros meses deste ano 2023 recolleron a compostela máis de 21.000 peregrinos italianos, unha cifra que supón incremento do 6 % en relación ao ano pasado.

RELACIÓNS COMERCIAIS

As relacións entre Galicia e Italia tamén son estreitas no ámbito comercial, xa que o mercado italiano está entre os principais para as empresas galegas, sobre todo nos sectores téxtil, da automoción e no agroalimentario, en especial o pesqueiro. Ademais, o Goberno galego destacou que firmas italianas se converteron en socias estratéxicas e tecnolóxicas no Polo Aeroespacial de Galicia.

Por último, indicou que no último quinquenio, as exportacións galegas a Italia creceron un 32 % ata alcanzar a cifra marca de 2.807 millóns de euros, ademais os resultados do primeiro semestre de 2023 confirman a boa evolución das vendas a este país, xa que as exportacións aumentaron un 25 %.

EMBAIXADORA DE CROACIA

Por outra banda, noutro comunicado, a Xunta informou de que o vicepresidente primeiro da Xunta, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, recibiu á embaixadora de Croacia en España, Nives Malenica, á que trasladou o interese de Galicia por estreitar lazos entre ambos os territorios. Diego Calvo agradeceu a visita institucional da embaixadora e avogou por sentar as bases de futuras relacións que permitan, entre outros obxectivos, a promoción comercial e turística de Galicia no país croata.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reúnese co embaixador de Italia, Giuseppe Buccino Grimaldi
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reúnese co embaixador de Italia, Giuseppe Buccino Grimaldi | Fonte: DAVID CABEZÓN

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta