Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2023 | Actualizada ás 21:07
O Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli) asegurou que o consumo galego de combustibles fósiles baixou o 31,2 % entre 2016 e 2021, segundo os datos divulgados polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega).
O observatorio sinala que a razón principal foi a caída abrupta do uso do carbón na xeración eléctrica pola subida do prezo do dióxido de carbono (CO2) no mercado europeo de emisións. Ademais, sinala que o carbón acabará por desaparecer da produción eléctrica galega ese mesmo ano, en canto peche a central de carbón das Pontes (Endesa).
A entidade indica que o afundimento do uso de carbón (- 93,6 %) foi o único avance importante rexistrado nos últimos anos na redución do consumo de combustibles fósiles en Galicia, a principal causa das emisións galegas de gases de invernadoiro causantes do cambio climático.
Tamén sinala que, como se reclama na Acción polo Clima convocada este venres e o vindeiro domingo en todo o mundo para acabar cos combustibles fósiles, é necesaria unha descarbonización rápida, xusta e definitiva. Ademais, apunta que para contribuír ao cumprimento do Acordo de París, o uso de enerxía no resto da UE debería decrecer de forma continua ata acabar en 2040.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.