Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2023 | Actualizada ás 10:28
A emerxencia cinexética declarada pola Xunta para poder cazar "sen límite" xabarís nun total de 248 municipios, un 80 % dos concellos e da superficie da comunidade galega, entra en vigor este sábado, 16 de setembro. Esta decisión provisional estará en activo ata o 25 de febreiro de 2024, fin da tempada de caza. Os concellos con caza sen límite de xabarís agrúpanse en 37 comarcas: 12 na provincia da Coruña (75 municipios), 11 en Ourense (87 municipios), 9 en Lugo (54 municipios) e cinco en Pontevedra (32 municipios).
Este instrumento excepcional pódese tomar ante o perigo para a gandaría e agricultura, ademais de polo risco de provocar accidentes de tráfico, complementario á caza regulada para facer accións de control por danos. Poderán capturarse ou abaterse exemplares de ambos os sexos (prioritariamente femias adultas e subadultas de calquera idade) e amplíanse os períodos de caza.
Unha decisión que tomou a Xunta tras recibir un total de 4.048 avisos (no 012) por danos durante a tempada 2022-23 (do 1 de agosto de 2022 ao 31 de xullo de 2023), 900 máis que a anterior campaña. Tamén se capturaron 19.000 exemplares, cifra que vai á alza. Unha das cuestións que pesou nesta decisión é tamén o censo porcino doméstico existente nestas comarcas ante a alerta pola posibilidade de chegada a España da peste porcina africana, ademais de terse en conta a superficie afectada e o risco de accidentes de tráfico.
ACCIÓNS
Poderá recorrerse a batidas, así como modalidades de agarda ou espera. Tamén se autoriza o uso de medios auxiliares (como visores ópticos, detectores electrónicos de paso ou presenza de animais e cebadeiros de gran ou froitos colocados nos cultivos danados) para facilitar o control. Galicia conta cun total de 452 tecores.
Adicionalmente, poderase realizar capturas de exemplares vivos en terreos non cinexéticos mediante capturadores, e mesmo, en caso de non dar resultado, poderase actuar coa modalidade de agarda ou espera diúrna ou nocturna, con informe preceptivo de xefatura territorial. As xornadas de caza na tempada 2023-24 serán 134, o que supón un 45,6 % máis que as que había en 2017-18.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.