Derrotar á casta e construír poder popular

A profunda crise política de Esquerda Unida, que está a piques da autoinmolación e os diversos erros estratéxicos e tácticos de PODEMOS nos últimos meses, converteron a estas próximas eleccións municipais nun verdadeiro «Cambalache» político, como dicía o tango arxentino composto en 1934 por Enrique Santos Discépolo para a película “A alma do bandoneón”.

Por Lois Pérez Leira | Vigo | 21/05/2015

Comparte esta noticia
Se as clases populares, as organizacións políticas e sociais autodenominadas da esquerda e outros sectores e fraccións sociais aliadas necesitaban concentrar as enerxías electorais, políticas e organizativas para a inminente confrontación electoral, sempre co obxectivo posto en alcanzar o maior número de gobernos municipais.... Esta perspectiva tense esfumado en centos de candidaturas, moitas delas autodeclaradas cidadás, democráticas, participativas...
 
O certo é que o obxectivo de converter estas eleccións nun verdadeiro referendo contra “a casta”, o bipartidismo e as políticas neoliberais, converteuse nunha morea de ofertas seudo-asemblearias. En Vigo preséntanse numerosas listas, en Ourense e Lugo tamén...e en algunhas vilas e aldeas ocorre o mesmo.
 
O único beneficiado de toda esta “desorde alternativa”, é o propio sistema, que segue detectando o poder local e potenciando o caciquismo e as redes clientelares.
 
En Vigo onde as enquisas, no seu momento, daban un magnífico resultado a Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e logo a PODEMOS (con estimacións de ata 5 concelleiros), finalmente e por mor dunha total falta de visión unitaria ou mesmo por erros de cálculo dalgunhas forzas locais podería esfumarse definitivamente a posibilidade de obter unha gran representación do conxunto da esquerda e as forzas populares, cuxa representación nalgúns concellos será case simbólica.
 
Esquerda Unida nas eleccións municipais anteriores negouse a un acordo electoral con sectores da esquerda nacionalista e perdeu a posibilidade de obter un concelleiro en Vigo, faltándolles uns centenares de votos.
 
Doutra banda, o BNG continúa o seu retroceso electoral e con posibilidades de que agromen no seu seo novas correntes internas, algunhas cunha estratexia  moito máis posibilista.
 
AGE camiña cara ao seu destino de coalición esgotada e en estado de descomposición. O seu líder Xosé María Beiras atópase en retiro político inminente. Pola súa banda Esquerda Unida podería deter o seu incipiente crecemento pola propia crise interna no seo da organización estatal, que podería repercutir moi negativamente en Galicia. En Ferrol esta crise manifestouse na ruptura da candidatura unitaria Marea Ártabra. O mesmo sucedeu en Cangas co enfrontamento dentro de ACE, que termina cunha nova ruptura da FPG. Entrementres  ANOVA resistirá en Compostela, aínda que debemos estar atentos a Xosé Manuel Beiras e a súa máis que probable retirada da escena política galega.
 
Este é o tráxico panorama que se complementa coa división de Primeira Liña e a desigual incidencia política de organizacións máis modestas como CERNA. A radiografía non pode ser máis preocupante.
 
Doutra banda a forza emerxente, PODEMOS, que catalizou e favoreceu o “xermolo” dunha crise no conxunto da esquerda e que xa existía de xeito latente, atópase pagando caros os seus numerosos erros tácticos.
 
En Galicia PODEMOS non logrou consolidar a súa estrutura e ademais non ten un discurso propio. Está falto de referentes e dirixentes recoñecidos, e ten  unha preocupante ausencia de propostas propias para Galicia. En Vigo esta organización foi unha das responsables fundamentais da inexistencia  dunha verdadeira alternativa unitaria para estas eleccións municipais.
 
Como se preguntaba Lenin en 1903, eu mesmo fágome exactamente a mesma pregunta que el se facía: Que facer? O 25 de maio comeza unha nova etapa política. Cada forza política perante os futuros resultados electorais tanto no marco estatal como nacional terá que facer o seu balance e a súa autocritica. O que está claro é que transitaremos por unha etapa de profunda reflexión e de apaixonados debates. PODEMOS terá que mover ficha realmente para construír un instrumento político capaz de vencer á Casta e ao bipartidismo. Para iso necesítase nunha Fronte Ampla da esquerda rupturista, como o propuxo reiteradamente Xosé Manuel Beiras e moitas outras organizacións consecuentes, aínda que sempre cos postulados nítidos da esquerda anticapitalista.
 
Desde a organización A ESQUERDA traballaremos para organizar a alegría e a esperanza, para unificar a loita dos de abaixo. Traballaremos sen descanso para organizar a todos aqueles e aquelas que queren cambiar este modelo económico-social perverso e derrotar para sempre ás clases hexemónicas, ás elites corrupta e á casta que nos goberna.
 
Este 24 de maio esperamos que en Vigo, Gañemos sirva para crear unha verdadeira alternativa unitaria para poder construír xunto a outros unha cidade distinta. É por iso para o que traballamos desde A ESQUERDA.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Lois Pérez Leira Naceu en Vigo en 1953, emigrando á Arxentina cos seus pais sendo aínda un neno. En 1990 retorno definitivamente a Galicia, especializándose en temas migratorios. Durante estes últimos anos escribiu numerosos libros sobre a emigración galega e impartiu distintas conferencias en distintos países do mundo. Nos últimos anos se dedicou ao documentalismo sendo director de 18 documentais. Na actualidade é o secretario xeral de Nova Esquerda Socialista, organización que participa do Novo Proyecto Común. Foi distinguido en numerososa oportunidades, sendo nomeado cidadán ilustre da cidade de Salvador de Bahia.