O Alzhéimer: unha enfermidade que se dobrega ante a música

'Sensoxenoma', un estudo do IDIS en colaboración coa USC revela que ante o estímulo da música os xenes de pacientes con enfermidades neurodexenerativas se sobreexpresan, e fano no sentido contrario ao da enfermidade, o que supón unha especie de efecto compensatorio.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 19/09/2023 | Actualizada ás 16:09

Comparte esta noticia

O Alzhéimer é unha desas enfermidades que resulta dolorosa para o paciente, pero máis aínda para o seu entorno. Ver como a mente dunha persoa se vai deteriorando ata o punto de que esquece o seu pasado, o seu presente e non pode pensar nun futuro cuxo desenlace, por desgraza, será fatídico. Non recoñecer a fillos, netos, amigos... Non poder disfrutar dos mellores recordos da vida, e, mesmo, nas etapas máis avanzadas, non saber comer, falar ou camiñar. Unha deterioración que supón para a xente próxima ver como unha persoa chea de vida, do máis alegre, se vai murchando pouco a pouco, sen poder facer nada por evitalo (pois a día de hoxe non hai cura para a enfermidade).

Presentación de resultados de 'Sensoxenoma'
Presentación de resultados de 'Sensoxenoma' | Fonte: GC

Precisamente por este dolor que vai unido de forma indisoluble ao Alzhéimer, calquera pequeno descubremento ou avance que se faga neste ámbito pode supoñer unha pequena esperanza, un raio de luz no medio de tanta escuridade. E parece que hoxe, 19 de setembro de 2023, esa esperanza fíxose realidade. Os primeiros datos do estudo 'Sensoxenoma', elaborado polos grupos de investigación GenPob e GenViP do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e a USC, en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia, reflexan algo sorprendente: a música axuda aos enfermos de Alzhéimer, provocando neles non só emocións, senón tamén efectos positivos que contrarrestan a perda de memoria, característica principal desta enfermidade neurodexenerativa.

Sensoxenómica. Ese é o nome que se lle deu a esta liña de investigación baseada en estudar cal é o impacto da música no xenoma (secuencia total de ADN que posúe un organismo). E é que non é nada novo dicir que a música move o mundo, pero grazas a esta investigación demóstrase que non só o fai en persoas sas, tamén en enfermos. As persoas con Alzhéimer pode que non sexan quen de lembrar a súa voda, pero nalgúns casos si lembran a música que soaba na celebración. Semella que as cancións, as notas musicais, os sons, quédanse gravados nunha área máis especial do cerebro, nun recuncho agochado.

Fai 120 anos, o recoñecido neurocientífico Santiago Ramón y Cajal xa falaba do concepto da 'plasticidade cerebral'. E, tal e como afirma o investigador Antonio Salas, catedrático da USC e un dos coordinadores do proxecto, "hai evidencias máis que sobradas de que a música afecta a todas as áreas do cerebro". Mais, "detrás de toda esta capacidade de xerar cambios no cerebro ten que haber moléculas, as cales non son fáciles de atopar nin de ler, pois iso supón un reto tecnolóxico, conseguir unha gotiña de sangue capilar (cun pinchazo nun dedo) e, a partir dela, recuperar moléculas", explica, algo que este proxecto si conseguiu, recuperando 35.000 moléculas de voluntarios que asistiron a concertos da Real Filharmonía de Galicia doando á entrada unha gotiña do seu sangue, para comparala coa doutros asistentes con patoloxía.

MILES DE XENES SE VEN ALTERADOS ANTE O ESTÍMULO DA MÚSICA

Paciente con Alzhéimer
Paciente con Alzhéimer | Fonte: Commons

En termos musicais, tal e como o conta o doutor Salas, o ADN é "unha partitura cerrada, pero hai que interpretala, do mesmo xeito que os músicos interpretan unha canción". "Nós intentamos rescatar das mostras de sangue esas 35.000 moléculas, desas partituras xenómicas, e conseguímolo", afirma. O resultado? Miles de xenes se ven alterados ante o estímulo da música, non só uns poucos. Esto sucede tanto en persoas sas como en pacientes con enfermidades neurodexenerativas, neste caso, o Alzhéimer, pero a sorpresa atópase en que non impactan do mesmo xeito, senón de xeito diferencial. 

Os pacientes con deterioro cognitivo son máis sensibles á música, de feito, tal e como afirma o investigador, "máis de dúas veces máis sensibles", o que supón que se a música nun paciente san impacta sobre 1.000 xenes, nun con patoloxía faino sobre 2.000. Pero, ao mesmo tempo, a forma en que se expresan estes xenes ao recibir o estímulo tamén é diferente: os pacientes enfermos tenden á sobreexpresión, é dicir, a que os xenes se despracen de xeito máis radical que nas persoas sans.

XENES RELACIONADOS COA PROTEÍNA BETAAMILOIDE E COA AUTOFAXIA

Pero, cales son os xenes en concreto que se ven máis estimulados? Como recoñece o investigador do IDIS, "é difícil caracterizalos especificamente, vimos moitos xenes, pero a miúdo a inmensa maioría, por non dicir todos, sendo prudente, cumpren moitas funcións e están involucrados en moitas patoloxías diferentes". Por iso, cre que "é máis fácil entender cales son as rutas que están sendo modificadas".

E  nestas rutas, co estímulo musical, vense modificados xenes relacionados, por exemplo, coa proteína betaamiloide, que veñen a ser placas que se acumulan no cerebro dos pacientes con enfermidades neurodexenerativas; e tamén coa autofaxia, un proceso biolóxico que actúa para limpar o espazo intracelular, é dicir, o das neuronas, sacando todo o que sobre, procesando ese refugallo celular para asegurar o correcto funcionamento de todo, algo que nas enfermidades neurodexenerativas non pasa.

Por destacar algún xen, o doutor Salas pon de exemplo dous que están involucrados en rutas moi interesantes: GATA-2, que vén a ser un factor de transcripción, regulador de moitos procesos biolóxicos e estreitamente relacionado con enfermidades neurodexenerativas; e GIGY-F1, que tamén está vinculado a enfermidades neurodexenerativas e vinculado co trastorno do espectro autista.

PODERÍA SUPOR ESTE DESCUBRIMENTO O COMEZO DE TERAPIAS NESTA LIÑA?

Pódese entón dicir con isto que a música paraliza o proceso de neurodexeneración? O certo é que a causa non é tan sinxela. "Podemos especular, pero é moi pronto para saber a correlación clínica, para eso precisamos avanzar máis, pero polo menos agora partimos dunha base racional para buscar dianas moleculares específicas para o tratamento e tamén para averiguar como modular eses beneficios potenciais da música sobre os enfermos", afirma o doutor Federico Martinón, outro dos coordinadores do estudo. O que si está claro, tal e como engade o doutor Salas, é que "a música impacta no sentido contrario sobre os xenes a como estes se expresan na enfermidade". É como un efecto compensatorio da música sobre a enfermidade. 

Chegados a este punto, podería a música actuar, alo menos, de xeito terapéutico? "Os resultados obtidos con este estudo son unha proba de concepto, para demostrar que estas tecnoloxías de última xeración que aplicamos en enfermidades infecciosas poden usarse tamén para evaluar o impacto musical nos nosos xenes. E iso conseguímolo. O segundo reto era ver unha resposta diferencial en xenes de pacientes con enfermidades e persoas sas, e tamén vimos que así sucede, pois as persoas con trastornos neurocognitivos expresan máis e ese estímulo parece modificar de forma compensatoria as rutas alteradas", con todo, "a partir de aquí temos moitísimo que facer, porque esas rutas xenéticas fálannos de dianas moleculares, pero hai que afinar moito máis". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta