Parques eólicos: xigantes que condicionan a economía galega

Estímase que o emprego xerado pola contrución dunha nova potencia eólica é de 1.548 postos de traballo directos. A Asociación Eólica de Galicia e a Confederación de Empresarios xogan coas cifras económicas e advirten de que a xudicialización dos expedientes eólicos pode chegar a afectar aos 75 proxectos que contan coa correspondente declaración de impacto ambiental favorable e autorización administrativa para a súa construción, ocasionando perdas multimillonarias.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 30/09/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A creación ou mantemento dun parque eólico sempre se sitúa no punto de mira de axentes medioambientais e poboacións que rexeitan a convivencia con estes muíños xigantes que invaden a paisaxe. Sen embargo, sendo realistas, o certo é que na actualidade a paisaxe galega xa está chea destes parques: 107 dos 313 concellos (o 34 %) presentan nos seus terreos instalacións eólicas, a maioría nas provincias da Coruña e Lugo. E todos eles xeran unha aportación económica destacable para eses concellos, tanto en pago de taxas como en xeración de empregos, entre outras cuestións.

Eólico
Eólico | Fonte: Confederación de Empresarios de Galicia

En concreto, no ano 2019, segundo os datos do último informe da Asociación Eólica de Galicia, a potencia eólica instalada a nivel mundial acadou os 651 GW. En España, a potencia instalada nese mesmo ano era de 25,7 GW, o que derivou nunha produción de 53,3 TWh, suficiente para atender ao 20,1 % da demanda total de electricidade do país. Así as cousas, a estas alturas España é xa o quinto país do mundo en potencia eólica instalada (por detrás de China, Estados Unidos, Alemaña e India).

En Galicia, a finais dese ano 2019 a potencia eólica instalada era de 3,8 GW, o que supón o 14,7 % do total nacional, e a produción desta tecnoloxía acadou 8,7 TWh, o equivalente ao 16,3 % da enerxía eólica xerada en España ese ano. Así as cousas, a produción eólica en 2019 era equivalente ao redor do 50 % do total da demanda de electricidade na comunidade. Grazas á situación privilexiada de Galicia, a rexión conta cun gran potencial de recursos enerxéticos renovables, como a auga e o vento.

Estas cifras demostran a importancia da enerxía eólica para Galicia, pois supoñen a creación de todo un tecido industrial que xira en torno ao aproveitamento desa enerxía, máis aló dos propios parques eólicos. Dende promotores ata fabricantes de equipos e compoñentes para eses parques, pasando por construtores de estruturas 'off-shore' e provedores de servicios complementarios, todos traballan en torno a estas grandes instalacións que, á súa vez, demandan tamén produtos e servicios do resto de sectores da economía galega, como o metalúrxico ou o naval.

En termos económicos, a día de hoxe o sector eólico galego, incluíndo os parques eólicos existentes (180) e a industria asociada que se implantou en Galicia grazas ao desenvolvemento destes parques, representa unha contribución ao PIB galego de 581,4 millóns de euros (dato de 2019), o que equivale ao 0,9 %. Ademais, o número de postos de traballo asociados de maneira directa e indirecta ao sector eólico é de 7.022.

Parque eólico
Parque eólico | Fonte: Asociación Eólica de Galicia

Isto é algo que vén de lonxe, pois comezou a xestarse xa nos anos 80, cando se desenvolveron os primeiros proxectos eólicos en Galicia, de escasa potencia e en áreas próximas á costa ou en localizacións de interior nas que existía abundancia de recurso eólico: en 1987 inaugurouse o parque eólico ubicado en Estaca de Bares (Mañón), onde se instalaron doce turbinas eólicas de 30 kW. Dende entón, mellorou tanto a técnica como a instalación, e a día de hoxe son xa 180 os parques eólicos da comunidade.

Se por aquel entón, os aeroxeradores instalados en Estaca de Bares tiñan unha potencia unitaria de 30 kW, un diámetro de 10 metros e unha altura de 12 metros; os proxectos máis recentes contan con potencias unitarias que acadan os 4.000 kW, diámetros de ata 136 metros e alturas superiores aos 100 metros. Esta evolución tecnolóxica non só implica un aumento de tamaño, senón tamén maior eficiencia, redución de ruído, melloras medioambientais e tamén fiabilidade, que se traducen en reducións dos custos da enerxía e nun menor impacto medioambiental. 

GRANDES FÁBRICAS EMPREGADORAS

Galicia conta na actualidade con dúas fábricas eólicas importantes tanto a nivel estataal como internacional, a de Gamesa nas Somozas e a de xeradores de Vestas, en Viveiro, mentres que a antiga planta de fabricación situada en Sigüeiro, propiedade de Gamesa, reconvertiuse nun dos maiores talleres do mundo especializado case en exclusiva en arranxar multiplicadoras. Ademais, tendo en conta que a maioría do parque eólico galego se instalou fai máis dunha década, as empresas de servicios complementarios como as de mantemento, teñen unha grande actividade. Ao igual que a industria naval, vinculada á eólica mariña.

Así as cousas, no 2019 o sector eólico empregou directamente a 4.886 profesionais (un 45 % máis que no 2018). Adicionalmente, debido ao efecto de arrastre do sector sobre outras actividades, xeráronse 2.136 empregos indirectos. O sector eólico empregaba a 7.022 profesionais en 2019, xuntando os empregos directos e indirectos. E, de feito, a construción dunha nova potencia eólica posiciónase como motor de emprego, cun impacto directo estimado de 1.548 postos de traballo equivalentes en 2019.

Loxicamente, a construción de parques eólicos demanda profesionais do sector en todas as súas fases: deseño e planificación, fabricación de compoñentes, transporte de equipos, instalación, posta en marcha... De tal xeito que no 2019 estimábase que cada MW instalado permitía a creación de 3,7 postos de traballo en Galicia. Ademais, o emprego xerado durante a fase de construción dun parque de 422 MW permitiría a creación de 84 postos de traballo que, a diferenza dos empregos ligados á construción do parque, se manteñen durante toda a vida útil da instalación.

A XUDICIALIZACIÓN DOS EXPEDIENTES EÓLICOS ACARREA ENORMES PERDAS

A pesares da gran potencia eólica instalada na comunidade, Galicia segue importando case un 75 % da enerxía primaria procedente de combustibles fósiles contaminantes, segundo os datos da Asociación Eólica de Galicia (EGA). A asociación explica que aínda que Galicia "sempre destacou por ter feito un desenvolvemento eólico exemplar, ordenado e sostible, hoxe están en perigo 2.500 novos empregos e miles de postos noutras actividades industriais derivadas da construción de novos parques eólicos". 

En concreto, nestes momentos a comunidade está a vivir unha revolución industrial ao amparo do desenvolvemento e potencial das enerxías renovables, cun bo feixe de proxectos estratéxicos que están relacionados coa produción de hidróxeno verde e a fabricación de neumáticos, fibras, grafitos, produtos tecnolóxicos de alto valor e outros compoñentes, que demandan un elevado suministro enerxético procedente de fontes limpas, en especial da tecnoloxía eólica. Son plans que xa contan con axudas dos fondos Next Generation da Unión Europea ou que están en fase de tramitación, e que veñen acompañados dunha inversión multimillonaria e da creación de miles de empregos. Pero todos eles "están en risco".

A Asociación Eólica de Galicia advirte de que a xudicialización dos expedientes eólicos pode chegar a afectar aos 75 proxectos que contan coa correspondente declaración de impacto ambiental favorable e autorización administrativa para a súa construción. "O proceso de análise ambiental é moi garantista, debe superar rigorosas avaliacións dunha quincena de organismos, é dicir, os parques precisan o aval derivado de aplicar a normativa autonómica, estatal e comunitaria cos preceptivos informes. Dependendo da complexidade do proxecto, a tramitación trascorre entre catro e dez anos, onde se invisten moitos recursos privados e públicos", sostén a entidade.

Coas trabas, "perderase a oportunidade de impulsar a xeración de enerxía renovable e avanzar cara a seguridade da subministración enerxética e a transición enerxética que Europa prioriza, con fondos comunitarios e nacionais; a actividade industrial e económica galega tamén se verá afectada, pola importante cantidade de empresas e traballadores sobre os que impactará", engade EGA.

Na mesma liña, dende a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), insisten en que todos estes "son investimentos millonarios rodeados agora dunha grande incertidume e inseguridade xurídica", polo que "se está a comprometer a grande aposta de Galicia pola transición enerxética, pero tamén se está poñendo en perigo a viabilidade de empresas e proxectos industriais que tiñan suscritos contratos PPA cos promotores de moitos destes parques e cuxa competitividade queda agora comprometida se non se executan os proxectos".

APROVEITAMENTO DO RURAL E FIXACIÓN DA POBOACIÓN

Os parques eólicos desconcentran a actividade industrial galega, que fundamentalmente se aglutina no entorno das grandes cidades. Así, os parques eólicos instálanse en pequenos municipios rurais. Alí, ademais de pagar tributos locais (o ICIO no 2019 supuxo 17,3 millóns de euros para os municipios onde se instalaron novos parques eólicos), pagan arrendamentos de terreo aos propietarios dos mesmos: no 2018 tiveron que abonar, en concepto de alquiler, uns 11 millóns de euros.

Ademais, tendo en conta os postos de traballo vinculados ao sector eólico, nestes pequenos municipios poden empregarse moitas persoas que, doutra maneira, terían emigrado xa cara a cidade. Neste senso, pódese falar da capacidade do sector para fixar poboación en terras que doutra maneira quedarían despoboadas. De feito, o incremento da potencia eólica que se prevé instalar no periodo 2020-2030 como consecuencia do rexurdimento do sector ligado aos obxectivos da Unión Europea, o Plan Nacional de Enerxía e Clima e a propia Estratexia de Cambio Climático e Enerxía da Xunta de Galicia, permitirá a creación de 3.900 postos de traballo equivalentes por cada 1.000 MW instalados.

LOITA CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO E OS COMBUSTIBLES FÓSILES

Ademais, aínda que o impacto ambiental dun parque eólico é grande, tamén o é a contribución na loita contra o cambio climático según sinala a patronal eólica que estima que a enerxía eólica xerada en Galicia permitiu evitar a emisión de 32,9 millóns de toneladas de CO2 á atmósfera entre 2015 e 2019, acadando os 5,4 millóns en 2019. En termos económicos, as emisións evitadas en 2019 tradúcense nun aforro estatal de 153,7 millóns de euros en dereitos de emisión de CO2.

Na mesma liña, a enerxía eólica xerada en Galicia permite reducir a dependencia estatal da importación de combustibles fósiles, así como a dependencia da súa volatilidade de prezos e das políticas dos países que as exportan, aumentando a seguridade de subministro: entre 2015 e 2019 a enerxía eólica xerada en Galicia evitou a importación de 9,2 millóns de toneladas equivalentes de petróleo, das que 1,8 se corresponden só co ano 2019. En termos económicos, isto supuxo un importante aforro, acadando os 889,1 millóns no periodo 2015-2019, dos cales 255,7 millóns corresponden ao ano 2019.

Eólico
Eólico | Fonte: Asociación Eólica de Galicia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pilotinho_gz

Este artigo parece un publireportaxe. Mesturades allos con bugallos. Non se sabe quen di cada cousa.Son 1500 directos ou non?Hai que deixar máia claro quen di cada cousa. Case todo a patronal eólica pero ó principio o Observatorio, que non ten nada que ver. Isto é un sarillo.