Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2023 | Actualizada ás 14:15
A Xunta censurou que o Goberno introducise cambios na lei de dependencia a través dun real decretado publicado "a cinco días das eleccións" do pasado 23 de xullo que non foi "acordado" coas comunidades nin "cumpre" coa obrigación do Estado de financiar "ao 50 %" o custo da prestación da dependencia nas comunidades.
Manifestouno a secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social e Xuventude, María Francisca Gómez, en resposta á pregunta feita este xoves pola deputada do PSdeG Mariña Ortega, que defendeu que os cambios introducidos en xullo polo Goberno central "duplican" os fondos que o Estado transfire a Galicia en comparación coa etapa do popular Mariano Rajoy na Moncloa.
Ademais de cualificar de "electoralista" a modificación lexislativa, a responsable do Goberno galego destacou as "contradicións" que a Xunta aprecia nestes cambios, entre as que citou os "importes mínimos" incluídos para prestacións que antes "non tiñan" e que, segundo Gómez, "son inferiores aos fixados en Galicia".
Deste xeito, asegurou que se se aplican os novos termos "na súa literalidade" as persoas usuarias de libranza do servizo de axuda no fogar e de centro de día "percibirían importes inferiores aos que teñen na actualidade". Nesta liña, subliñou que o Goberno "aínda está moi lonxe" de achegar o 50 % do financiamento que marca a Lei de Dependencia, xa que, segundo Gómez, Galicia "segue asumindo o 70 %" do custo dos servizos.
PSDEG URXE CELERIDADE
Pola súa banda, a deputada socialista Mariña Ortega instou á Xunta a "porse as pilas", cumprir coas súas competencias "e non pedirlle a papá Estado que faga todo", á vez que censurou que ao Goberno galego "parézalle pouco" que se "dupliquen" as achegas en comparación cos tempos de Rajoy no Executivo central. Así pois, advertiu que Galicia é a comunidade na que "menos socilicitudes inícianse por habitante potencialmente de toda España" e atribuíu o dato de que "só pidan as axudas" o 16 % da poboación potencial aos atrasos de "dous, tres ou catro anos" nas resolucións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.