O PSdeG acusa a Feijóo e a Rueda de "disparar" a débeda pública de Galicia "ao maior nivel da historia": 12.300 millóns

Rodríguez Rumbo acusou aos populares de deixar "un pufo" de máis de 4.500 euros por cada galego e cada galega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2023 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

A viceportavoz do Grupo Socialista Begoña Rodríguez Rumbo acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e ao seu predecesor no cargo, Alberto Núñez Feijóo, de "disparar" a débeda pública de Galicia ata os 12.300 millóns de euros, o "máximo histórico", mentres "recortan e precarizan" os servizos públicos.

Nunha rolda de prensa celebrada este luns no Pazo do Hórreo, a parlamentaria socialista anunciou unha batería de iniciativas parlamentaria para "saber por que mentres a Xunta incrementa a débeda pública non mellora a vida dos galegos e das galegas". A responsable socialista sinalou que, segundo os datos feitos públicos polo Banco de España, Rueda e Feijóo multiplicaron por 2,5 a débeda pública de Galicia en 14 anos, desde os 4.800 millóns dos últimos orzamentos do presidente socialista Pérez Touriño.

Rodríguez Rumbo acusou aos populares de deixar "un pufo" de máis de 4.500 euros por cada galego e cada galega. Segundo indicou, "este é o saldo de 14 anos de políticas neoliberais do PP en Galicia", que "descarta o argumento de que tanto Feijóo como Rueda son bos xestores", xa que combinan "maior débeda coa precariación dos servizos públicos e a rebaixa do 50 % do imposto do patrimonio aos máis ricos".

Tras incidir en que co maior endebedamento en 14 anos, non hai nin mellores contas públicas nin mellora na calidade de vida dos galegos, denunciou "os recortes e precarización" da sanidade, con 976 profesionais menos en atención primaria, unhas listas de espera "inasumibles" e falta de especialistas que "marchan porque non soportan a precarización dos servizos e das condicións laborais".

Ademais, criticou que suceda o mesmo coa educación, con "menos profesores", aulas "masificadas" e "familias facendo fronte ao comezo do curso escolar máis caro, ou na dependencia, con Galicia á cola do Estado en investimento e esperas de ata catro anos". A socialista acusou ao Goberno galego de "abandonar os servizos públicos" mentres responsabilizan os concellos e ao Executivo central da súa propia "falta de xestión e ineficacia", demostrando que "non son bos xestores".

A viceportavoz parlamentaria do PSdeG Begoña Rodríguez Rumbo
A viceportavoz parlamentaria do PSdeG Begoña Rodríguez Rumbo | Fonte: PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Mira tí quen vai falar de PUFOS ! As débedas desta tropa chegarán ata o 2100 e aínda haberá que seguir pagando intereses per sécula seculorum ! Esta afirmación en boca do PSOE debera ser suficiente para retirarlles toda credibilidade ! Algúns pensan que os paxaros preñan...