Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2023 | Actualizada ás 11:30
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou este venres na inauguración dunha Xornada de detección e diagnóstico de trastornos do espectro autista (TEA) en idades temperás, e repasou os programas do seu departamento neste ámbito, entre os que destacou o de detección temperá de TEA en menores, con especial énfase no rural.
O conselleiro lembrou as axudas da Xunta para programas de apoio psicolóxico para estes pacientes e as súas familias, así como apoio en contexto naturais para persoas con TEA. Tamén hai programas apoiados pola administración para fomentar o benestar emocional destes enfermos, con accións de rehabilitación cognitiva ou abordaxe grupal, baseada na integración sensorial e o xogo. Nese aspecto, García Comesaña referiuse ao Programa de Atención Temperá para nenos e nenas con sospeita de TEA, con actividades que poñen especial énfase na poboación infantil e na contorna rural.
Segundo lembrou estes trastornos "requiren dunha abordaxe integral das necesidades da persoa, con apoios individualizados e con medidas transversais e xeneralizadas a todos os contextos". Nese contexto, puxo en valor o traballo das asociacións, as que mellor coñecen aos pacientes e as súas familias, e destacou as iniciativas colaborativas para mellorar a comunicación coas persoas con TEA no ámbito sanitario.
MEDIDAS NA CONTORNA SANITARIA
Así, entre as medidas postas en marcha están o cartón AA (con máis de 18.000 usuarios), que facilita o acceso das persoas con TEA ao sistema sanitario con acompañamento; o uso de pictogramas para a sinalización nos centros; ou a elaboración de vídeos explicativos sobre probas diagnósticas para dar tranquilidade e seguridade aos pacientes.
A iso súmase unha guía elaborada polo Sergas con recomendacións para a atención destes pacientes, que "contribúe a mellorar a sensibilidade dos profesionais á hora de tratalos"; ou o Pictotraductor, baseado en imaxes intuitivas que se poden lembrar facilmente. O responsable de Sanidade referiuse á xornada deste venres como "un claro exemplo da implicación, o interese e os avances" que se están producindo no que se refire a accesibilidade cognitiva.
Finalmente, o conselleiro de Sanidade lembrou que o seu departamento ten un convenio coa Federación Autismo Galicia para o desenvolvemento de actividades de formación e sensibilización na contorna sanitaria, no marco do cal o ano pasado foron atendidos 2.080 homes e 1.027 mulleres.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.