Gañemos Vigo conformouse en Vigo co único obxectivo de participar neste proceso electoral, a partir da utilización dun partido instrumental, rexistrado en Barcelona, que nos permitiu presentar lista propia.
Na nosa plataforma integráronse a título individual distintas persoas de moi variadas ideoloxías, as cales coincidían nunha declaración de principios e un programa moi extenso que abordaba todos os problemas de Vigo.
Sabiamos de antemán que o noso resultado electoral seria modesto xa que non contabamos con recursos económicos e que a prensa non se faría eco das nosas propostas, privilexiando aos partidos que xa tiñan representación, porén obtivemos case 2.500 votos. Estes resultados valorámolos como un gran éxito electoral aínda que non foron suficientes para obter un representante.
Gañemos ata o último momento apostou por unha alianza coa Marea de Vigo, mantendo varias entrevistas con ese fin. Lamentablemente a dirección da Marea (controlada por Esquerda Unida e ANOVA) preferiron concorrer coa súa propia marca.
Esta decisión errónea determinou que a exitosa experiencia de Marea Atlántica, Compostela Aberta ou Ferrol en Común, na Coruña, Santiago e Ferrol respectivamente, non se repetise na nosa cidade.
Como balance xeral destes resultados hai que subliñar que os mais castigados pola cidadanía viguesa foron o Partido Popular que perde 6 edís e o BNG que queda fóra da corporación, ambos os dous por axudar a consolidar o poder faraónico de Abel Caballero. Lamentamos que o candidato polo BNG, Serafín Otero, cunha impecable traxectoria sindical, non conseguise un acta de concelleiro.
Gañemos Vigo, que xa cumpriu o seu papel, deixa paso a un novo ciclo no que cada un dos integrantes da devandita candidatura recuperan as súas anteriores actividades políticas, sociais ou culturais. No meu caso retomarei a miña responsabilidade á fronte do partido A ESQUERDA.
Agora o noso papel será ser preparar a oposición a Caballero e organizar a todos aqueles que queren un Vigo distinto. Apoiaremos as medidas positivas do goberno e seremos contundentes cando se trate de medidas que atenten contras interéseos dos veciños e veciñas de Vigo.
Apoiaremos as reivindicacións veciñais e dos sectores afectados pola crise. Asemade alentaremos a construción de ferramentas políticas que favorezan o cambio político tanto en Vigo como en Galicia e no resto do estado español.
En relación á Marea de Vigo apoiaremos, desde a nosa autonomía, o labor de oposición dos seus tres representantes no Concello.
Consideramos, como dicía o noso lema, que si se pode. Por iso traballaremos para que en novembro poidamos derrotar as políticas neoliberais, acabar coa corrupción, o enchufismo, nepotismo e a falta de futuro. Para iso debemos erixir unha gran fronte ampla de unidade popular para garantir ese cambio tan necesario.