Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 28/10/2023 | Actualizada ás 21:40
A prostitución non é algo que resulte alleo á sociedade actual. Segue a ser obxecto de debate tanto no campo político, como económico e cultural. Prostitución si? Prostitución non? Son as mulleres que a exercen libres ou están condicionadas polas súas circunstancias de vida ou por un terceiro que as obriga? Debe regularizarse a profesión e lograr que estas 'traballadoras' poidan cotizar e garantirse unha pensión digna no futuro? Estas son só algunhas das preguntas que se nos plantexan na actualidade sobre a profesión máis antiga do mundo. As respostas non están claras, cousa que non é de estrañar tendo en conta que nin sequera os antigos romanos o tiñan claro tampouco. Zulema Olivencia Villegas, historiadora da Universidade de Almería, así nolo conta no 'Encontro novas investigadoras en arqueoloxía romana e medieval', que se está a celebrar esta mesma semana en Santiago.
"Sobre a prostitución Platón (427 a.C. - 347 a.C.) dicía que vía positiva a existencia de lupanares, e Cicerón dicía que había que poñer en marcha máis edificios adicados ao tema", asegura esta experta. A Roma do Alto Imperio é unha sociedade fragmentada por clases, como explica a investigadora, na que se evidencian moito as desigualdades que existen entre as persoas de alta cuna e as esclavas. De feito, "a maioría das persoas que se adicaban á prostitución proviñan do ámbito da escravitude". Todo o que sabemos sobre esta profesión e o que acontecía dentro dos lupanares parte de fontes historiográficas, o problema é que "son os homes da elite os que escriben os acontecementos, e silénciase ás mulleres e aos esclavos, polo que se nos conta a historia como eles queren".
Deste xeito, nunha sociedade predominantemente homocentrista e patriarcal, semella, polo que contan as fontes, que "só exista unha prostitución heterosexual, usada polos homes para gozar da sexualidade, cando en verdade tamén existía moita prostitución homosexual entre homes e heterosexual en mulleres que usaban esclavos para ter sexo e poder realizar prácticas que non estaban ben vistas socialmente", expón Olivencia. Isto evidencia que "non só as mulleres estaban sometidas á prostitución, senón tamén os homes, e todas estas persoas eran consideradas infames, mal vistas na sociedade", pero, paradoxicamente, "considerábase que eran necesarias, tal e como se recolle nas fontes primarias e na historiografía tradicional, na que se falaba da prostitución como un mal común necesario".
O MITO HOMOSEXUAL DE XÚPITER E GANÍMEDES É RECURRENTE
Volvendo sobre o tema da invisibilización das desigualdades sociais latentes e da prostitución masculina ligada á homosexualidade, as pinturas existentes da época amosan claramente esta realidade. A investigadora da Universidade de Almería apunta varios exemplos. Na cidade de Ostia (antiga cidade na costa do mar Tirreno, na antiga Italia) había un espazo coñecido como Casa das bóvedas pintadas do neno Baco, Xúpiter e Ganímedes (que exercería na época como lupanar) que ten varias pinturas de connotación homosexual, no seu momento consideradas homoeróticas. Este espazo no que se tería practicado a prostitución masculina ligada á homosexualidade estaba formado por cubículos estreitos que conteñen pinturas nas que se representa, por exemplo, a Xúpiter e a Gánimedes, o mito do amor fervente entre estes dous homes mitolóxicos.
Da mesma maneira, na cidade de Pompeia (antiga cidade situada na Campania, á beira do golfo de Nápoles e próxima á actual cidade de Nápoles, altamente coñecida por ser destruída durante a erupción do Vesubio no ano 79) también había un lupanar. "Algúns investigadores, debido ás condicións nas que se atopou (mal estado de conservación), din que é un lupanar, mentres outros din que non ou non o teñen tan claro", advirte Olivencia. Pero ten todas as características para telo sido: cubículos moi pequenos para poder realizar o acto sexual, pintura erótica no seu interior, fácil acceso pola vía pública ás diferentes salas... E nel hai un debuxo de Ganímedes (novamente mito erótico homosexual) durmido sobre unha águia que o observa, como se quixese raptalo para telo só para ela e para o seu disfrute, o que indica que no lugar tamén sería practicada a prostitución masculina.
ACTOS COMO O SEXO ANAL OU ORAL CONSIDERÁBANSE REPROBABLES
Pero, que pasa coa prostitución de carácter heterosexual para mulleres? Pois tamén nesta cidade de Pompeia hai mostras de que se practicaba nos lupanares. En concreto, atopouse un lenzo sobre un cunnilingus, a práctica de practicarlle sexo oral a unha muller. "Esta era unha das prácticas que non estaban ben vistas pola sociedade romana da época, así que para poder practicala algunhas persoas de posibles recurrían a outras dentro do ámbito de prostitución", explica a investigadora, que apunta tamén ao sexo anal como algo reprobable socialmente, pois "considerábase que non se podían realizar actos sexuais coa boca coa que logo vas debatir, falar e comer".
Por tanto, dadas estas probas, "vemos que todos estes mitos que existen sobre que en Roma a sociedade era moi aberta sexualmente non son tan certos, habería que ver de que época estamos a falar, de que clase social e de que condición sexual", asegura Olivencia. O que si é certo é que nas rúas mesmo había unha especie de 'sinais' que indicaban claramente, gravados sobre a pedra do chan, que os homes que se posicionaban nesa zona vendían os seus servizos para realizar, por exemplo, cunnilingus, e expoñían o que cobraban por iso. "No chan apareceu escrita unha lousa coa palabra cunnilingus que claramente indicaba que alí se ofrecía ese servizo, na cidade de Pompeia", conta a investigadora.
OS HOMES DA ELITE ESCRIBIRON A HISTORIA "OCULTANDO PARTE DA VERDADE"
E sobre a prostitución de carácter heterosexual para homes, Olivencia asegura que "todos os filósofos do talle de Platón ou Cicerón rechazaban ás persoas que estaban dentro da actividade, pero considerábana necesaria para que os homes non cometesen actos de violencia contra as súas propias mulleres ou as de outros". Pero non falan igual da prostitución homosexual nin de homes cara mulleres. Por que esas fontes primarias e a historiografía só explicaban a prostitución feminina e ocultaban a masculina?
Olivencia especula que, por unha banda, "era unha sociedade patriarcal, polo que nela tendíase a invisibilizar a esas personas infames, e a prostitución parte dunha sociedade clasista na que os seus practicantes son case sempre esclavos, que ademais teñen unha especie de 'superior' que é o que xestiona os cartos que gañan". Ademais, "tamén se usa como un mecanismo para ocultar a realidade da historia, porque se non contamos o que coñecemos e so contamos unha parcialidade ocultamos a verdade", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.