O "abandono" dos encoros por parte da Xunta está a derivar nunha alta mortaldade do marisco na ría de Muros e Noia

As plataformas en defensa da ría de Muros-Noia (Plademar e PDRA), xunto con representantes do sector do mar, mostran a súa "fonda preocupación e malestar" polas recorrentes riadas de auga doce coincidentes con episodios de choivas nas concas dos ríos Ulla, Umia e Tambre, que poderían repetirse estes días.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2023 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

As plataformas en defensa da ría de Muros-Noia (Plademar e PDRA), xunto con representantes do sector do mar, mostran a súa "fonda preocupación e malestar" polas recorrentes riadas de auga doce coincidentes con episodios de choivas nas concas dos ríos Ulla, Umia e Tambre, unha cuestión que achacan ao "abandono" por parte de Augas de Galicia (dependente da Xunta) "da súa obriga de tutelar (regular, vixiar e sancionar) o impacto de auga doce e de lodos do encoro nos cultivos marisqueiros das rías".

Este mércores, estas plataformas ofreceron unha rolda de prensa na que denunciaron o "menosprezo" do Goberno galego ao sector do mar polo que consideran unha falta de control adecuada no baleirado de encoros. Así, lembran que en xaneiro de 2023 houbo fortes choivas que coincidiron con encoros excesivamente cheos, "o que ocasionou a perda da súa capacidade demuladora do caudal dos ríos e provocou unha forte baixada da salinidade na columna de auga ata varios metros de profundidade".

Marisqueo na ría de Noia
Marisqueo na ría de Noia | Fonte: Europa Press - Arquivo

"Isto aconteceu ao mesmo tempo que se produciu un importante incremento da turbidez das augas río abaixo a consecuencia do achegue de partículas en suspensión procedentes dos desaugadoiros de fondo dos lodos dos encoros, que baleiraron provocando o seu deposición tanto nos bancos marisqueiros como nas cordas do mexillón", agrega. Aseguran que "non é a primeira vez que se produce" e agora: "Cun río atmosferico de humidade tropical descargando copiosas choivas en Galicia neste mes de outubro a nosa alerta e desconfianza é máxima".

Neste sentido, remarca que Augas de Galicia "é a institución pública encargada de vixiar tanto o caudal ecolóxico (máximo e mínimo) como as partículas en suspensión e o grao de turbidez, e tamén é a responsable de regular o baleirado dos encoros mediante un protocolo preciso para que non coincida o achegue de auga doce coas mareas baixas e as intensas choivas e haxa publicidade da súa actuación sobre un ben público (a auga dos ríos)".

Respecto diso, o pasado 10 de febreiro de 2023, solicitaron á Consellería de Infraestruturas a apertura dun expediente informativo para determinar as causas e responsabilidade pola "avalancha" de auga doce de xaneiro. Entenden que o silencio administrativo da Xunta, "oito meses sen responder", vai en detrimento dos seus dereitos fundamentais, o que "converte en neglixencia a omisión das súas obrigacións legais". Por iso, Plademar e PDRA reiteran a súa petición a Augas de Galicia, á vez que alertan dunha "grave situación" que padecen as rías, "con moita cría pero sen marisco que extraer".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta