O BNG rexeita a instalación da central eléctrica reversíbel no Tambre polo seu impacto ambiental e humano

Néstor Rego, despois de reunirse coa Plataforma “Non á balsa Cornanda-Tambre”, rexistra iniciativas no Congreso para que o Goberno do Estado rexeite esta instalación.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/10/2023 | Actualizada ás 10:20

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno denegue a autorización da concesión para a instalación da presa hidroeléctrica reversíbel no río Tambre, así como da súa infraestrutura de evacuación. No concreto, o BNG demanda ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que desestimen as dúas solicitudes presentadas por Green Capital Power, SL e Espiral Renovables, SL para a instalación dun aproveitamento hidroeléctrico no Río Tambre mediante unha central hidroeléctrica reversíbel e denegando a concesión sobre o dominio público hidráulico.

Caudal do río Tambre ao seu paso por Ponte Maceira, en Negrerira
Caudal do río Tambre ao seu paso por Ponte Maceira, en Negrerira | Fonte: Concello de Ames.

Augas de Galiza abría o pasado mes de febreiro o trámite de información públicas sobre as peticións dunha concesión de augas superficiais para a instalación dun aproveitamento hidroeléctrico no río Tambre. Estas peticións son dous proxectos: por unha banda, o presentado por Green Capital Power, SL, (339 MW) que propón a instalación dunha central hidroeléctrica de bombeo no Tambre e que afectaría aos concellos de Brión, Negreira, Lousame e Rois; e, por outra banda, o rexistrado por Espiral Renovables, SL, (420 MW) para a mesma finalidade, a construción dunha central hidroeléctrica reversíbel que afectaría só os concellos de Brión e Noia, diferenza que atende basicamente ás liñas de evacuación previstas.

Neste sentido, a organización nacionalista, despois de que o seu deputado no Congreso, Néstor Rego se reunise coa plataforma veciñal que rexeita o proxecto para a instalación dunha central eléctrica reversíbel, rexistra unha iniciativa na cámara baixa. Na mesma, o BNG exixe ao MITECO “denegar a autorización de concesión do dominio público hidráulico para a instalación da presa hidroeléctrica reversíbel no Río Tambre e da súa infraestrutura de evacuación, solicitada polas empresas Green Capital Power e Espiral Renovables.

NOVO EMBALSE

A nova central precisaría da construción dun novo embalse, superior á do actual encoro existente que funcionaría como depósito inferior, que se situaría na parroquia de Cornanda, en Brión. Unha zona, explica o deputado do BNG, moi próxima a núcleos de poboación e na que se sitúan terreos agrarios e forestais de alto valor produtivo.

“Esta concesión implicaría prolongar por 75 anos máis o actual encoro do Tambre, que funcionaría como depósito inferior do que captar e devolver auga, sen avaliación, nin estudo nin nova concesión” denuncia Rego. Neste momento, aclara, no encoro Barrié de la Maza hai vixentes tres concesións para usos hidroeléctricos e, con esta nova concesión, alongaríase máis aló do prazo máximo” o que contraviría a Directiva Marco e a vixente lexislación de augas.

Alén do máis, o deputado do BNG sinala que a concesión “terá un grave impacto sobre os núcleos de poboación próximos á nova balsa proxectada” e, no concreto, as aldeas de Busto de Frades, Cornanda, A Graña e Vilariño, pertencentes á parroquia de Cornada e ao Concello de Brión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta