Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 01/11/2023 | Actualizada ás 09:45
Halloween, Samaín, Noite de Todos os Santos, Noite de Defuntos... Todas son o mesmo? Pois certamente non, aínda que teñen elementos de carácter ritual que comparten. Con todo, as orixes desta celebración de Defuntos foron ben distintas ao que se rematou convertendo na actualidade, onde a influencia do capitalismo e da Igrexa fixo que se perdese o motivo principal desta noite: honrar aos defuntos. O antropólogo Rafael Quintía conta a evolución desta festa na que o mundo dos vivos e dos mortos semellan estar máis preto que en calquera outra data do ano. E amósase convencido de que "a sociedade actual prefire celebrar Halloween e disfrazarse de asasinos en serie porque vive de costas á morte, non vaia a ser que por levar aos nenos ao cemiterio se traumaticen".
Nesta data do ano, como explica, "comeza o ciclo das celebracións de inverno, e é o momento no que entramos en contacto coas ánimas no sentido cultural, é dicir, é o momento no que o veo que separa o mundo do alén do mundo do aquén descórrese e é posible de forma extraordinaria ese contacto co máis aló". Para este experto investigador, o nome correcto para nomear a este momento do ano sería "Festa de Defuntos" ou "Festa das Ánimas, se se quere". "Hai que entender que a cultura é algo dinámico e, en concreto, esta festa na que se conmemora aos nosos ancestros ten moitas capas, partindo duns substratos precristiáns moi claros, pois nas culturas celtas o día 1 xa marcaba o comezo do ano, coincidindo co comezo do ciclo escuro (os días son máis curtos); e en moitas mitoloxías tamén era o día no que era máis sinxelo ese tránsito dun lado a outro, do mundo dos vivos ao dos mortos", asegura Quintía.
Con todo, advirte de que non se debe esquecer que o Día de Defuntos como tal, históricamente, é o día 2 de novembro, non o 1. "Esta festa xa estaba marcada así nos calendarios célticos, baixo o nome de Samaín para eles, sendo unha festa que xa se celebraba hai 2.000 anos, na Idade do Ferro", asegura o antropólogo que, con todo, é consciente de que "dende aquela, pasaron moitas cousas, todo foi cambiando. "No século IX o Papa Gregorio IV destinou o 1 de novembro á celebración de Todos os Santos xa mortos, e o día 2 no século XVIII destinouse ao Día de Defuntos", apunta. Con todo, estas festividades, diferentes na orixe aínda que relacionadas, mesturáronse tanto que "mesmo hai veces nas que na propia fala da xente mestúranse os dous conceptos e hai zonas nas que lle chaman aos antepasados 'os seus Santos pasados'".
"A XENTE PENSA QUE DICIR DÍA DE DEFUNTOS TEN UNHA CONNOTACIÓN CRISTIÁ"
Así as cousas, Quintía teno claro: "Para min chamarlle Samaín non ten sentido, porque a de hoxe non é a festa que se celebraba na Idade de Ferro, é outra cousa, ao igual que ao Entroido lle chamamos Entroido e non rito de expulsión do inverno ou outros nomes que se lle puxeron no Neolítico". Aínda que para el, "un termo interesante e que estaría moi relacionado con este Día de Defuntos sería o Magosto, que comeza tamén o 1 de novembro e é outro rito de carácter funerario".
En calquera caso, o que non estaría para nada correcto sería dicir 'Halloween': "Para que vas empregar un termo do inglés arcaico que significa Todos os Santos cando xa tes un termo en galego? Non ten sentido". O que sucede, na súa opinión, é que "ás veces a xente ten moitos prexuízos e pensa que o Día de Defuntos ten unha connotación relixiosa ou cristiá, cando o certo é que calquera dos outros termos teñen tamén esa connotación e o cristianismo, gústenos ou non, é unha parte esencial na configuración da nosa cultura, pois tamén foi quen no século XIII creou a existencia do purgatorio e, grazas a iso, hai cultura das ánimas".
"AS MEIGAS NON ESTÁN NO ALÉN, NON HAI QUE MESTURAR TRADICIÓNS"
Ademais, na actualidade está todo tan mesturado que xa non se sabe nin o que é verdade nin o que se engadiu séculos despois ao rito orixinal. Unha destas cousas engadidas é, sen ir máis lonxe, todo o que ten que ver coas meigas. "Na iconografía do Halloween todo se mestura, e vennos de volta un sucedáneo descontextualizado das crenzas que levamos nós a América no seu día", explica Quintía, entrevistado nun 'podcast' de Orgullo Galego, que asegura que "a Noite Meiga como tal, é dicir, esa noite na que é máis fácil o contacto co plano das meigas, é a de San Silvestre e a de San Xoán". Con todo, concede que "a noite de Defuntos é unha data, ao igual que en moitas outras, como o propio Fin de Ano, na que pode acontecer o extraordinario e, nese extraordinario, poderían entrar os ritos curativos ou as adiviñacións". Aínda así, o antropólogo afirma que "as meigas non están no alén, así que non hai que mesturar unha cousa coa outra".
"Como en Halloween está de moda disfrazarse de vampiros, de Franskesteins, de bruxas, de 'psicokillers' ou de asasinos con motoserra pois claro, suceden confusións, e é que non ten sentido ningún", móstrase ofendido o experto, que resalta que o feito de non falar de Defuntos por crer que é unha cuestión cristiá carece de xeito, pois "é unha realidade histórica, sexas crente ou non ti e todos somos cristiáns culturais, porque non traballamos os días que marca a Igrexa, por exemplo, e Nadal e outras festas de carácter relixioso son as que determinan o calendario".
"MAGOSTO E DEFUNTOS ÍAN DA MAN: COMÍAN CASTAÑAS EN TERREO DE MORTOS"
De feito, máis relacionado con Defuntos que a Noite Meiga aínda estaría o Magosto, que, como apunta este experto, "non deixa de ser outro rito de carácter funerario, máis complexo que só xuntarse a comer castañas". "O Magosto e a celebración dos Defuntos son básicamente o mesmo, pois no Magosto, antigamente, tamén se facían cousas como deixar o lume aceso para que se quentaran as ánimas, críase que cando comías unha castaña estabas a liberar a unha ánima do purgatorio, e había unha connotación de banquete funerario, de rito relacionado co máis alá", asegura. Hoxe por hoxe, parece que o Magosto só é unha celebración na que se xunta a xente na praza para celebrar a chegada do outono e das castañas, pero "esquecémonos do Magosto familiar, que se celebraba na casa, onde se comían as castañas ao redor dunha lareira acesa, pois era o lugar a onde viñan as ánimas a visitarte, e críase que se o lume se movía, polas correntes, era que estaban entrando as ánimas na estancia".
Por outra banda, o que tiña que ver co Magosto de portas cara fóra tampouco era como o que hoxe en día se fai nas cidades, aínda que hai pobos e aldeas que si conservan a tradición orixinal. "O lugar que se escollía para xuntar á aldea ao redor das fogueiras nas que se asaban as castañas estaba sempre nas aforas, nun monte ou nun outeiro, o territorio dos mortos, fóra do ámbito dos vivos, e dábaselle ese significado de que nese día os vivos vamos ata o lugar onde residen os mortos, para encontrarnos con eles", apunta Quintía. De feito, asegura que "en Portugal dicíase que as castañas que quedaban tiradas no chan despois do Magosto estaban babadas dos defuntos e non se podían coller". Tamén como parte deste rito está o feito de emborrallarse a cara coas cinzas das castañas, para "volver á aldea honrando ás ánimas que nos visitan". Poderiamos dicir que é "a primeira mascaradas das celebracións funerarias, a máis básica, que marca o comezo das mascaradas da época do inverno, que seguirán co Nadal ou o Entroido". Así que si, Magosto e Defuntos van da man.
"GASTAMOS MILLÓNS EN LOITAR CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO E LOGO DISFRAZAN AOS NENOS DE ASASINOS EN SERIE E VIOLADORES"
Entón, se temos tanta tradición propia, por que non se recupera e vamos buscar fora o que xa temos? O Samaín, como di Quintía, non é nada novo, pero si semella que se fala de Samaín unicamente para referirse ao rito de facer cabazas. "A min enseñoume miña avoa nos anos 70 e ela non sabía nin o que era o Halloween nin o Samaín; e a ela ensinoulle a súa avoa, que nacera no 1800, é dicir, hai máis de douscentos anos xa se facían cabazas e se poñían nas portas das casas e nos camiños, e en moitos lugares a xente collía unha vela e unha cabaza e saía aos camiños a asustar aos veciños e ás mulleres que ían cedo á misa da novena, que se celebraba moi cedo", polo que "pensar que o Samaín só consiste en facer cabazas é absurdo, porque este feito é só un máis dos moitos ritos que forman parte do ciclo de Defuntos". Con todo, hoxe aínda se vai un paso máis aló e a xente di que celebra Samaín cando en realidade na práctica está a celebrar Halloween: "Disfrazan á xente de asasinos en serie, considerando a morte dende unha perspectiva banal, sen falar da festa de carácter funerario como tal, porque non vaia a ser que se traumaticen os nenos", ironiza o antropólogo.
"Gastamos millóns e millóns e loitar contra a violencia de xénero e logo vamos e disfrazamos aos nenos de asasinos en serie e violadores, e todo fomentado dendo o propio sistema educativo, iso é o máis triste", lamenta Quintía, que asegura que Halloween chegou para quedarse, pois "é unha festa cun gran potencial comercial e capitalista, unha festa que se basea en consumir, en ir a comprar ao bazares para disfrazarte e decorar a casa ou o bar". "Claro que estéticamente as políticas de terror son unha máquina de 'marketing' moi poderosa, sobre todo agora que vivimos nunha sociedade de costas á morte, na que pensamos que somos inmortais, na que non se poden visitar os cemiterios para non traumatizar aos nenos e na que comer castañas está mal visto porque manchas as mans", lamenta este antropólogo, consciente de que "ante a potencia do aparato publicitario e de marketing do Halloween pouco se pode facer, porque a xente bota man desta festa para divertirse, como se non tivese suficientes días no ano para facelo".
"A TRISTEZA É PARTE DA EXISTENCIA HUMANA; O CAPITALISMO ALIÉNANOS"
Quintía incide en que "a sociedade tradicional convivía coa morte, porque se facía que a morte estivese presente na vida, os propios cruceiros que se situaban nos camiños tiñan caveiras marcadas, o mariñeiro que saía ao mar non sabía se ía volver, e a morte estaba aí sempre, non había o sistema sanitario nin a hixiene que temos hoxe, había moita mortalidade infantil, e a xente estaba acostumada a convivir coa morte". Lonxe de ser algo malo, "cando ti es consciente da túa finitude, vives doutro xeito", asegura o antropólogo. Fronte a isto, o que quere a sociedade actual é "morrer de súpeto, sen pensar, mentres que na sociedade tradicional iso considerábase unha mala morte, porque a boa morte era aquela na que a ti che da tempo a despedirte, a deixar as débedas pagas e a herdanza arreglada, porque se non o fas igual tes que volver de morto a arreglalo e non marchas para o outro mundo en paz; hoxe queremos todo o contrario, que nos pille a morte desprevidos, para non ter que pensar nela, nunha sociedade que vive de costas á morte, o que tamén nos fai máis irresponsables para vivir". Neste contexto, "celebrar algo que se chama Día de Defuntos non queda tan ben, é mellor Halloween; deixemos aos mortos e falemos de asasinos mellor", chancea Quintía.
Cando en verdade, o antropólogo defende que "Defuntos non é unha festa triste, só é unha festa na que se conmemora aos defuntos". Obviamente se a ti che morreu alguén nesa data estarás triste, pero se che morreu noutra estaralo tamén noutra. "A tristeza forma parte da existencia humana e non podemos vivir nun espazo emocionalmente protexido toda a vida, isto é unha creación do capitalismo neoliberal absurdo no que todo ten que ser un mundo de fantasía, para ternos alienados", asegura. De feito, conta, na súa experiencia personal, que "a min de pequeno sempre me gustou ir ao cemiterio e mesmo cando estaba fóra de Galicia traballando trataba de vir aquí neste día, porque era un momento para socializar, para xuntarse con xente que había moito tempo que non vías, coas familia, todos no cemiterio da parroquia, neses momentos de reunión dos vivos ao carón dos mortos, o que me facía sentir ben".
Ademais, destaca que a tristeza non é algo malo: "Hai que saber xestionar as mortes, e hai que choralas". "Agora parece que non se poden xestionar e que hai que ir aos enterros con lentes de sol porque está mal que che vexan chorar, está mal exteriorizar a dor; mentres que antes non só se exteriorizaba, senón que se teatralizaba, porque chorar cando hai que chorar non ten nada de malo, ao contrario, é moi bo", asegura. E chancea con que "para min é máis triste, por exemplo, o Día do Traballo, nun país con 3 millóns de parados". Así mesmo, afirma que "hai lugares de Galicia onde Defuntos é unha festa na que pola noite os rapaces van facer trasnadas, roubar carros, quitar reixas (como no San Xoán), e cando saen por aí a asustar aos veciños non o fan con ton triste, nin chorando, nin moito menos".
"PARA MANTER VIVO A ALGUÉN HAI QUE LEMBRALO, SENÓN MORRE DE TODO"
"Para manter vivo a alguén hai que mantelo na lembranza, se non o lembras morre definitivamente, e Defuntos é unha forma de mantelo vivo e lembralo, conmemorando os momentos bos que pasaches ao seu lado", afirma o antropólogo, que recorda que mesmo nalgunhas aldeas se lle asigna un calificativo a estes mortos para facer referencia a que están noutro plano da existencia: "Falan de 'o defunto José', non din 'José' sen máis". "Defuntos é a forma de seguir vinculados emocional e afectivamente con esas persoas que xa non están, manténdoas vivas a través da nosa lembranza, porque se a falta de lembranza leva ao esquecemento, isto pode xerarnos moitos problemas como sociedade, polo feito de esquecer cousas que pasaron e repetir os mesmos erros", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.