Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2023 | Actualizada ás 14:35
A Xunta de Galicia presentou unha serie de alegacións á proposta de orde que o Ministerio de Educación e FP puxo encima da mesa para a Avaliación para o Acceso á Universidade (ABAU) deste curso, na liña de que haxa "un marco común homologado" para toda España. En declaracións aos medios este domingo desde Santiago, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, denunciou que os cambios que quere aplicar o Goberno central profundan "aínda máis nas desigualdades" que xa existen.
A orde do ministerio, que está en período de exposición pública, busca adaptar as probas á Lomloe e aos novos currículos, aínda que mantén a cifra de materias dos exames de cursos anteriores: a obrigatoria da modalidade e tres comúns (catro no caso das comunidades autónomas con lingua cooficial, como Galicia), aínda que os alumnos elixirán entre examinarse de Historia de España ou Historia da Filosofía.
O conselleiro de Educación cre que este borrador, "no canto de corrixir as desigualdades de bases dos alumnos, o que fai é incrementalas" porque "non hai criterios para homoxeneizar a avaliación" e conduce á "arbitrariedade". Cualificouno de "despropósito técnico" porque non hai "unha referencia comparativa" entre as diferentes materias nin hai "guías" para as materias novas que se suman á ABAU, como Debuxo Artístico II, Análise Musical e Ciencias Xerais; nin tampouco das que sofren cambios nos currículos, como Empresa e Modelo de Negocio, Xeoloxía e Ciencias Ambientais, e Fundamentos Artísticos.
"No fondo, é manter as desigualdades dos alumnos en función das comunidades autónomas. (...) Nós apostamos desde sempre por un modelo que xere que un alumno de Lugo teña as mesmas oportunidades nunha proba tan importante para o seu futuro como é a EBAU que un alumno de Soria ou de Huelva", explicou. Neste sentido, Román Rodríguez insistiu en que haxa "unha porta única de acceso" ao sistema universitario, en lugar de 17 "diferentes".
As alegacións da Xunta, en definitiva, supoñen pedirlle ao Ministerio "unha rectificación". A Consellería explica nun comunicado que a última proposta supón "botar abaixo o compromiso" do Goberno central de que os cambios ían ser "mínimos" neste período de transición ata a implantación definitiva do novo modelo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.