Pontón asinará este luns en Madrid o acordo para a investidura de Sánchez, que inclúe a condonación dun 20 % da débeda galega

O pasado xoves transcendía que ambas as formacións chegaran a un preacordo que incluía ata un 75 por cento de desconto para usuarios frecuentes e recorrentes da AP-9 e a AP-53. Unha vez quede asinado, o texto do acordo farase público.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 05/11/2023 | Actualizada ás 18:43

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, desprazarase este luns ao Congreso dos Deputados para asinar coa ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero, o acordo alcanzado co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez. Así o avanzan a Europa Press fontes da formación nacionalista que confirman que, unha vez quede asinado, o texto do acordo farase público.

Está previsto que o acto sexa no Congreso na mañá deste luns, ás 13.00 horas, coa ministra de Facenda en funcións, que tamén é vicesecretaria xeral do PSOE. Tamén acudirá o candidato do PSdeG á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, como membro da comisión negociadora socialista. O pasado xoves transcendía que ambas as formacións chegaran a un preacordo que incluía ata un 75 por cento de desconto para usuarios frecuentes e recorrentes da AP-9 e a AP-53.

En materia de infraestruturas, tamén transcendeu en días pasados a implantación de trens de proximidade esta lexislatura, polo menos, nas áreas da Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra. Tamén se prevé dotar a Galicia de novos xulgados de violencia de xénero. Ademais, o acordo recolle a condonación do 20 por cento da débeda de Galicia correpondente ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA).

Por parte do PSOE, Besteiro capitaneou o diálogo cos nacionalistas galegos, cuxo equipo negociador estivo composto polo seu deputado no Congreso, Néstor Rego, a súa senadora, Carme da Silva, e o membro da Executiva Rubén Cela. O venres, a Executiva Nacional do BNG daba luz verde ao principio de acordo cuxa versión final, tras puír detalles de redacción ao longo da fin de semana, asinarán Pontón e Montero este luns. Será a segunda vez que o Bloque vote 'si' á investidura de Sánchez. En xaneiro de 2020, Pontón tamén se desprazou a Madrid para asinar un acordo, por aquel entón coa socialista Adriana Lastra.

O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez (i), reúnese co deputado de BNG Néstor Rego (d), durante a súa rolda de contactos para a súa investidura
O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez (i), reúnese co deputado de BNG Néstor Rego (d), durante a súa rolda de contactos para a súa investidura | Fonte: Alberto Ortega - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta