O feminismo, perseguido en China: "A muller só serve para ter fillos e dar pracer ao home"

Raquel Isamara León de la Rosa, directora do Observatorio da Política China do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) cóntanos como na China as mulleres que tratan de ir en contra do establecido son rexeitadas socialmente e mesmo teñen que exiliarse ao ser perseguidas polo partido comunista. Así, a representación das mulleres entre o funcionariado é de só o 20 %, do 5 % entre os altos cargos e non hai ninguna muller no que sería o parlamento chinés.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 15/11/2023 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

Aínda que todos podemos estar de acordo en que en materia de feminismo e de loita contra a violencia de xénero queda moito por facer en España e en Galicia, o certo é que hai sociedades moi avanzadas dende o punto de vista industrial e económico nas que os dereitos das mulleres son practicamente nulos, e nas que non contan con voz nin voto. Algo así é o que sucede na China, unha potencia mundial que é a envexa de moitos países pero na que, as súas mulleres se atopan totalmente invisibilizadas e relegadas a un segundo plano, sempre detrás dun home: primeiro do seu pai, logo do seu marido e finalmente do seu fillo. 

Raquel Isamara León de la Rosa, directora do Observatorio da Política da China
Raquel Isamara León de la Rosa, directora do Observatorio da Política da China | Fonte: Arquivo

Raquel Isamara León de la Rosa (Universidade Autónoma de Puebla), directora do Observatorio da Política China do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), explica a Galicia Confidencial por que a sociedade chinesa, no que a dereitos da muller se refire, semella ir un paso por detrás do resto dos países do mundo. "Por unha banda, entran en xogo elementos como o confucianismo (unha relixión e unha filosofía política que pon énfase na ética e virtude individuais para acadar unha sociedade e goberno estables), que é o ADN da sociedade do este de Asia, cunha alta xerarquización da sociedade, diferenciando entre homes e mulleres, algo que chegou ata os nosos días, trasladándose ao longo da Historia", afirma a experto, que engade que, "por outra banda, está o propio Estado, cunha ideoloxía comunista na que sempre foi o propio partido gobernante o que marcou a axenda de en que espazos poden participar as mulleres e en cales non". 

Así que, a pesares de que, como confirma León de la Rosa "hai iniciativas fóra da China que están facendo presión política e mediática sobre o rol das mulleres na sociedade chinesa, para tratar de lograr a súa inclusión dentro da axenda pública", a cousa segue a ser moi difícil. Tanto é así que a experta pon o exemplo das cotas de xénero, "moi baixas" aínda a día de hoxe: "Os cargos locais ocupados por mulleres están aproximadamente nun 20 %, a pesares de tratarse de postos públicos; mentres que se subimos aos altos mandos, esta porcentaxe chega a ser de menos do 5 %; e, nestes intres, no Parlamento chinés non hai ningunha muller nese núcleo da elite de poder". E é que, tal e como apunta, "pola natureza do propio Estado chinés, semella que o que non se menciona non existe". Afortunadamente, e grazas en parte ás redes sociais e aos pódcasts, "o ciberactivismo foi quen de lograr que o movemento feminista resistise e se fixese forte no país".

 "FÁLASE DE 'MULLERES SOBRANTES': PASADOS OS 25 NON TEÑEN FILLOS"

Ademais, León de la Rosa invita a non pensar no feminismo dentro da sociedade chinesa como un único movemento, senón que hai varios, de feito, a cuestión do discurso homofóbico tamén é algo a ter moi en conta, polos casos de lesbianas que "son totalmente invisibilizadas e mesmo violentadas pola propia dinámica estrutural do partido". Por que? Tal e como explica, "porque a muller, a través das directrices do partido comunista, segue supeditada a un simple rol reprodutivo e a un rol de coidados dentro da sociedade chinesa, porque ao final ese é o papel que se quere seguir preservando, o da muller como coidadora dos fillos e fillas da futura China, e eses valores teñen que aprenderse dende a casa, sendo tamén inculcados por estas mulleres aos seus fillos e fillas". É algo moi difícil de cambiar tendo en conta o enraizado que está na mentalidade da sociedade.

Camareiras asiáticas vestidas como servintes
Camareiras asiáticas vestidas como servintes | Fonte: Asiaware

Así as cousas, hai moitas mulleres que entran no mercado laboral ao terminar os seus estudos pero que, ao casarse e ter fillos, rematan por deixalo e adicarse exclusivamente ao coidado dos pequenos. "Hai moitas presións para que isto sexa así", afirma a directora do Observatorio da Política China do IGADI, que apunta tamén a "un tema trasxeracional". "Os colectivos feministas que xurdiron nos últimos anos, dende o movemento do 'Me Too' (no 2015, aproximadamente), ata o de agora, comezaron a cuestionarse esa parte da dinámica da crianza tradicional chinesa e do espazo que gañaron dentro da inserción laboral", afirma León de la Rosa, que, con todo, critica que "por unha cuestión de tradición, ao final do día, sempre se remata por exercer esa violencia psicolóxica, plasmada a través dun discurso que lles recorda como a partir dunha certa idade, por cuestións reprodutivas, deben deixar de ser traballadoras para adicarse ao seu rol máis importante: o de nais".

Isto xera un rexeitamento social cara aquelas mulleres que non son nais cando a sociedade chinesa estipula que é correcto selo. "Hai un fenómeno do que se vén falando nos últimos dous anos que está xa moi presente na sociedade e do que se comezaron a facerse eco os medios de comunicación chineses, e é o concepto das 'mulleres sobrantes', referido a aquelas mulleres que xa teñen unha idade que se considera avanzada para ter fillos dentro da sociedade china, que non é máis alá dos 25 anos, e que non se casaron tampouco, deixando así de cumprir co seu rol reprodutivo", explica a experta, que asegura que "está a darse unha especie de discriminación a nivel estrutural cara este tipo de mozas que, por cuestionar a propia dinámica social que lles foi imposta dende nenas, son rexeitadas, co consentimento e mesmo o apoio indirecto do propio partido comunista".

UN DITO CHINÉS: 'UN HOME ESTÁ FEITO PARA TER CATRO MULLERES, AO IGUAL QUE UNHA TETEIRA ESTÁ FEITA PARA CATRO TAZAS'

Outro aspecto a ter en conta dentro da sociedade chinesa e da súa dureza cara as mulleres é a obxectificación do seu corpo. Isto é algo que podería dicirse xeralizado en moitas culturas (na occidental tamén contamos co reggaeton), pero o certo é que na China lévase a un plano moito máis aberrante. Todo o manga e o anime que se reproduce no país está protagonizado por mulleres con apariencia de menores de idade, seos grandes e lixeiras de roupa. E hai moitos restaurantes e bares que triunfan precisamente porque teñen camareiras que visten como colexialas, facéndose pasar por menores de idade. O seu público? Claramente, homes. 

"O tema da hipersexualización e cousificación sempre estivo moi presente dentro da concepción histórica da muller chinesa, á que se ve como un ente reprodutivo e creado para dar pracer ao home", asegura León de la Rosa, que explica que isto xa vén dende a época das concubinas. Por aquel entón, conta, "era unha dinámica normal a existencia da poligamia, onde practicamente se fai esta analoxía cun vello dito chinés que di 'o home está feito para ter catro mulleres, ao igual que unha teteira está feita para catro tazas', como outra forma de ver á muller como unha cuestión de corporalidade e de hipersexualización". Isto, como indica, "é algo que estivo moi presente ao longo dos séculos, e, de feito, continúa estándoo, con esa idea de ver á muller como unha persoa que debe ser fráxil, á que hai que protexer, sempre por debaixo do home".

Así, na sociedade chinesa, todos eses estereotipos levan a que, se eres muller, "canto máis coides o teu corpo, máis presenza ou mellor percibida serás entre a xente, canto máis feminina sexas dende esa lóxica de fraxilidade". Mesmo, segundo expón León de la Rosa, "dentro da sociedade modestamente acomodada a muller segue a ser estereotipada e cousificada, pero tamén se ve obrigada a ser unha muller mantida que debe consumir, pero consumir no seu corpor, na súa beleza, para estar sempre dispoñible para dar satisfacción ao home".

"CADA VEZ DESTÁPANSE MÁIS ESCÁNDALOS DENTRO DO FUNCIONARIADO"

Hoxe por hoxe, "todo isto comeza a detonar", e cada vez "hai máis escándalos dentro do funcionariado que van saíndo á luz", sobre como "houbo moitas mulleres que tiveron que saír exiliadas ou que foron perseguidas polo simple feito de ser activistas do movemento feminista". E, por desgraza, a experta asegura que "hoxe en día a tendencia que hai a nivel de política pública é a de seguir reafirmando esta idea de muller fráxil e que debe estar na casa atendendo ao seu esposo, como dinámica de vida cotiá que debe ter".

Con todo, aínda que as cousas están como están, e aínda que "é un momento complexo para todos estes colectivos, que non atopan presenza na axenda pública china ao nivel que si o teñen noutras latitudes do planeta", neste caso é algo "moi relacionado co arraigo da construción social tradicional" e, aínda así, "polo menos hai eses movementos feministas, están presentes", cando hai outros países asiáticos como pode ser o caso de Corea ou Xapón "onde o asunto aínda é máis complexo, pois nin tan sequera se visibiliza o activismo feminista dentro do país, como se se tratase dun debate que permanece invisible". "En China, alo menos, si houbo unha serie de reaccións por parte das novas xeracións de mulleres chineses que si se empezan a cuestionar o espazo que ocupan tanto na vida pública como na vida privada", conclúe León de la Rosa.

Mulleres chinas pola rúa
Mulleres chinas pola rúa | Fonte: Reuters
Mulleres chinas paseando aos seus fillos
Mulleres chinas paseando aos seus fillos | Fonte: GOH CHAI HIN - AFP - Getty Images
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta