Nova edición do Facom Fest no que participan figuras como Álvaro Gago, Sara Faro ou Adrián Canoura

Ademais das proxeccións, a programación incluirá actuacións musicais e encontros con profesionais como David Fidalgo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/11/2023 | Actualizada ás 21:15

Comparte esta noticia

Chega a segunda edición do festival de cine do estudantado galego, o Facom Fest, que terá lugar entre o 27 e o 30 de novembro. Un espazo para que as novas xeracións de cineastas amosen as súas creacións. As pezas enviadas polo alumnado de centros de toda Galicia á sección competitiva serán valoradas, segundo a categoría de pertenza, por un xurado formado por unha alumna da facultade e dous profesionais do sector. As categorías son ficción, non ficción e videoclip. 

logo do Facom fest
logo do Facom fest | Fonte: Comunicación Facom fest

Así, o xurado profesional na categoría de ficción está integrado por Álvaro Gago (director de Matria) e Silvia Fuentes (produtora en Sétima e xefa de produción en O corno). Na de non ficción interveñen María Yáñez (creadora e directora da revista dixital Vinte e encargada da promoción de películas como O corno ou Matria) e Antía Carreira (autore de Ola Baby, video-ensaio sobre a miña depresión). Por último, na de videoclip participan Adrián Canoura (responsable dos videoclips de Baiuca entre outros, e cineasta con obras como Caerán lóstregos do ceo) e Sara Faro (que xunto a María Soa forma o grupo musical Fillas de Cassandra). En canto ao xurado novo, as alumnas da facultade Aira Portos Rey, Marta García Pedreira, e Ximena Torrón Núñez presentáronse voluntarias para participar na valoración das pezas de ficción, non ficción e videoclip respectivamente.

Unha das intencións do Facom Fest e que a mocidade teña contacto coa realidade profesional do sector audiovisual. Para iso, inclúe un programa de actividades formativas que complementa os coñecementos desenvoltos nas aula. Concretamente, David Fidalgo (autor da webserie Cacola ou da curta Sandwich cat) compartirá os seus coñecementos sobre animación. Haberá tamén unha charla en torno ao material de arquivo e o patrimonio audiovisual en Galicia, na que participarán a investigadora María Soliña Barreiro, o historiador e membro do Cineclube de Compostela Julio Vilariño e a integrante do colectivo Memoria e Cinema Laura Piñeiro. Ademais, a comunicadora María Yáñez ofrecerá unha retrospectiva sobre a difusión cultural en Internet a partir da súa experiencia arredor da creación de contidos dixitais (na revista Vinte ou o festival Carballo Interplay) e na promoción de obras audiovisuais como O corno ou Rapa. 

O Facom Fest rematará o dia 30 cunha gala de clausura cargada de sorpresas onde se darán a coñecer as pezas gañadoras. A gala será amenizada pola actuación de Gloria Pavía, unha artista pop con influencias de jazz vocal que compaxina a súa carreira musical coa súa labor de ilustradora. Posteriormente dará comezo na sala Moon o concerto de Migui Bouzó, artista vigués que presentou o mes pasado o seu album debut Cine i amor na Facultade de Comunicación. Para finalizar a xornada haberá un dj set con Chris Indian e Ces en cabina.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta