Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 15/11/2023 | Actualizada ás 16:02
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou ao ex tesoureiro da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Pedro de Cea, en Vilagarcía de Arousa, a tres anos e medio de cárcere como autor dun delito continuado de apropiación indebida, en concurso cun delito continuado de falsidade documental en documento mercantil.
O tribunal, que tivo en conta a circunstancia atenuante de dilacións indebidas, tamén lle impuxo o pago dunha indemnización á entidade afectada de 384.899 euros. O tribunal relata na sentenza que o condenado exerceu, desde 1991 ata o 16 de xaneiro de 2015, como tesoureiro da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Pedro de Cea, polo que se encargaba de xestión do diñeiro.
A Sala considera probado que entre 2005 e 2014, actuando como tesoureiro e con ánimo de obter un ilícito beneficio, cobrou os cheques e pagarés ao portador emitidos pola Comunidade de Montes, a pesar de que os cheques tiñan que ser asinados tanto polo presidente da Comunidade como polo tesoureiro.
QUEDABA CO DIÑEIRO
Con todo, segundo a sentenza, o investigado cubríaos integramente, cobrábaos e quedaba co diñeiro, sen destinalo aos gastos da Comunidade de Montes, apoderándose, desta forma, de 384.899 euros. Os maxistrados tamén consideran probado que o 5 de xuño de 2012, con ánimo de obter ilícito beneficio, transferiu 4.000 euros desde unha das contas da comunidade que xestionaba en calidade de tesoureiro á conta da súa esposa. Esa cantidade foi devolta á Comunidade cando os feitos foron descubertos.
Como consecuencia de todo iso, segundo o fallo, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Pedro de Cea quedou sen fondos nas contas bancarias para facer fronte aos pagos debidos, aos que puido facer fronte posteriormente de forma aprazada. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o TSXG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.